Temas: IKEA

'Operación Albóndega' para que Ikea inclúa o galego nos seus servizos, como fai co catalán e o éuscaro

O sitio web da campaña permite enviar unha petición á multinacional sueca do moble para que respecte os dereitos lingüísticos dos galegofalantes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/07/2018 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

Trala última campaña en redes sociais para pedir a Ikea que inclúa o galego nos seus servizos, agora nace o sitio web da 'Operación Albóndega', que continúa con esta acción reivindicativa a través de Internet.

Campaña para que Ikea inclúa o galego nos seus servizos
Campaña para que Ikea inclúa o galego nos seus servizos | Fonte: @chio_en_galego

A 'Operación Albóndega' nace coa vontade de conseguir que Ikea respecte os dereitos lingüísticos dos galegos, xa que actualmente o seu sitio web non ofrece ningún tipo de servizo en galego, mais si en castelán, catalán e éuscaro, malia ter un establecemento aberto na Coruña.

Co fin de facilitar as peticións dos usuarios, creouse operacionalbondega.eu, un sitio web sinxelo que proporciona un formulario de envío cunha nota personalizada co nome do usuario que queira asinar a petición a IKEA solicitándolle que normalice a lingua galega, tanto no seu sitio web como no seu establecemento en Galicia.

O impulsor desta iniciativa é Carlos Vieito, autor da iniciativa @chio_en_galego, que promove o uso da lingua galega non só en Twitter, senón tamén noutras esferas públicas, e responsable da última campaña en redes dirixida á multinacional de baixo custo de mobles e interiorismo.

No sitio web lémbrase que actualmente a web de IKEA non ten a posibilidade de mostrar o seu catálogo en galego, mais si se pode navegar noutras linguas oficiais do Estado como o castelán, catalán ou o éuscaro. O seu establecemento da Coruña foi aberto no ano 2010, e oito anos despois de estar vendendo os seus produtos, segue sen respectar a aquelas persoas que desexan unha atención en galego.

Tamén se lle recorda a Ikea que “a lingua propia de Galicia é o galego” como cita o artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galicia, polo que se lle demanda a Ikea que o seu sitio web, así como a rotulación do seu establecemento situado na Coruña, estean en galego o antes posíbel. Outra demanda é que lle conteste a cada usuario que envíe o formulario confirmándolle se Ikea terá, ou non, en conta a petición.

Temas: IKEA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta