Temas: IKEA GALEGO

Campaña para que Ikea deixe de discriminar o galego fronte o catalán, o éuscaro e o español

Logo de varios intentos, actívase unha nova campaña na Rede para que a empresa sueca de mobles e decoración preste servizos en lingua galega, a única do Estado español que exclúe na atención aos clientes e no seu sitio web.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/07/2018 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

A multinacional sueca Ikea, coñecida por ser o referente low-cost no mundo do moble e da decoración, segue no punto de mira en Galicia por seguir discriminando a lingua galega. A empresa si ofrece en España servizos en castelán, éuscaro, catalán e mesmo inglés, mais non en lingua galega. Por isto, púxose en marcha unha nova iniciativa para presionar a Ikea a que, dunha vez, inclúa o galego.

Ikea
Ikea

A idea partiu de Carlos Vieito, autor da iniciativa @chio_en_galego, que promove o uso da lingua galega non só en Twitter, senón tamén noutras esferas públicas. 

A iniciativa procura que se use masivamente en Twitter a etiqueta #IKEAenGalego, a partir das 20.00 horas deste mércores, para facela trending topic (tema destacado).

"Berremos ben forte que queremos #IKEAenGalego ás 20h desta tarde. Publica un chío con Entre tod@s fagamos que chegue a ser TT", publicou Vieito desde a súa conta persoal e a de @chio_en_galego.

ANTECEDENTES

Esta non é a primeira vez que se tenta presionar a Ikea para que inclúa o galego nos seus servizos de atención ao público como tamén no seu sitio web. No ano 2016 xa houbo unha campaña similar impulsada por Xosé Baamonde, de Aguiño (A Coruña), para que a compañía de mobles inclúa a lingua galega como outra opción máis para acceder ao seu sitio web (calquera usuario de Internet que visite o sitio web de Ikea dende España pode acceder en catro idiomas: castelán, catalán, eúscaro... e inglés). 

Campaña para que Ikea inclúa o galego nos seus servizos
Campaña para que Ikea inclúa o galego nos seus servizos | Fonte: @chio_en_galego

Aquela iniciativa foi activada na popular plataforma change.org co lema "Queremos que Ikea ofreza a súa web en galego, xa que o fai en castelán, catalán e éuscaro".

A finais de 2017, A Mesa Pola Normalización Lingüística activou outra campaña co mesmo fin. "Actualmente teñen na páxina web opción en castelán, catalán e euskera pero non en galego. O mesmo sucede na atención telefónica e na tenda onde todo está en castelán", denunciaba a plataforma.

A escusa de Ikea para non prestar servizos en galego foi, segundo a empresa, que "non se solicita", polo que a campaña da Mesa consistiu en solicitalo a través dun formulario.

Precisamente, un informe da Mesa publicado este mesmo ano 2018 —co balance anual da ferramenta 'A liña do galego' (ferramenta para recibir opinións, tanto negativas como positivas, sobre o respecto aos dereitos lingüísticos no ámbito privado e público)— salientou que Entre as empresas, Google e Ikea son as que rexistran maior número de denuncias por discrminar a lingua galega. Malia todo, Ikea mantén apartado o galego mentres presta servizos en éuscaro e catalán aos clientes que usan estas linguas. Será #IKEAenGalego a campaña definitiva para que a empresa sueca inclúa a lingua galega?

Temas: IKEA GALEGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Maria Castelldefels

Polo que teño entendido, Ikea comenzou a usar o catalán despois de recibir unha multa por non facelo. Políticas consecuentes é o único que pode axudar ás linguas desprotexidas, pero non creo que o noso goberno estea pola labor.

2 Uxio

En galegol

1 Sempreengalego

Dacordo con que esta multinacional nos poña en pé de igualdade con idiomas con mais falantes (español, francés...) ou ocn ben menos falantes có noso (esloveno, finlandés...). Todo o meu apoio! Pero dáme máis magoa cano é unha empresa de aquí ningunea o galego ou mesmo perverte o seu uso só para semellar complicidade: Gadis, Froiz, os másters dalgunha unversidade... Doutra banda, institucións como o CGAC deberían empregar só o galego nos seus emails, cando menos por defecto. As empresas asentadas na Cidade da Cultura igualmente.