Comparte esta noticia

O alumnado do rural galego mostra maior competencia bilingüe, en galego e castelán, cós estudantes de ámbito urbano, nos que o bilingüismo é moito máis tardío e parcial. Así o conclúe un estudo realizado por Ana Iglesias Álvarez, profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo.

Rapaces nunha aula do colexio Paraixal do barrio de Teis, en Vigo, onde se lles ensina a valorar o galego
Rapaces nunha aula do colexio Paraixal do barrio de Teis, en Vigo, onde se lles ensina a valorar o galego | Fonte: Miguel Núñez.

A investigación dividuse en dúas fases. En primeiro lugar, analizáronse cales son as vías de entrada de cada unha das linguas ás que están expostos os nenos e nenas (input lingüístico), en función do tipo de hábitat (rural e urbano), así como o seu dominio e uso lingüístico, segundo a información que proporcionaron as familias, a través dun cuestionario. Despois, xa desde unha perspectiva cualitativa, entrevistouse unha selección de nenos e nenas de cada grupo estudado, co fin de medir a súa competencia lingüística de forma directa. Na primeira parte da entrevista, tentouse que os alumnos falasen da forma máis espontánea posible, a partir de cuestións sobre a súa vida cotiá; mentres que na segunda se lles pediu que identificasen unha serie de imaxes, co fin de avaliar o seu nivel de vocabulario en cada idioma.

No estudo advírtese da "perda continua de galegofalantes", que adquiriu, paradoxalmente, maiores proporcións "desde a instauración da democracia e o inicio do proceso de normalización, en contra do esperado".

Os resultados, segundo a autora da investigación, "poñen de relevo a maior competencia bilingüe, en galego e castelán, que acada o alumnado do hábitat rural; mentres que no hábitat urbano o bilingüismo é moito máis tardío e parcial, o que nos leva a reflexionar sobre o modelo de ensino bilingüe que se está aplicando actualmente en Galicia", conclúe.

No traballo, Iglesias Álvarez advirte de que "en Galicia asistimos desde hai ben tempo a unha perda continua de galegofalantes, con relevancia cuantitativa variable en función das épocas". Unha perda continua que, segundo a autora, adquiriu, paradoxalmente, maiores proporcións "desde a instauración da democracia e o inicio do proceso de normalización, en contra do esperado"; situación que contrasta co aumento no grao de dominio da lingua galega, "aspecto que, efectivamente, se ten sinalado como un dos principais éxitos das medidas normalizadoras e, en concreto, da introdución do galego no ensino", destaca a investigadora.

Para estudar o input lingüístico do alumnado galego, elaborouse un cuestionario no que se lles preguntou ás familias pola presenza do galego e castelán nos distintos axentes de socialización: familia, medios de comunicación (dispositivos dixitais, televisión, contos) e grupo de iguais. Por outra parte, co fin de valorar o grao de dominio lingüístico, en concreto, a competencia oral, fixéronse entrevistas individuais con alumnos de diferentes centros educativos ao longo de tres cursos escolares: 2015/2016, 2016/2017 e 2017/2018.  

O estudo realizouse na provincia de Ourense, que, "xunto con Lugo, é a que presenta maior porcentaxe de galegofalantes (monolingües ou bilingües con predominio do galego), segundo os datos do IGE (2013): 63,06 e 70,52 respectivamente, fronte aos 49,69 e 41,29 das provincias da Coruña e Pontevedra", sublíñase na investigación.

Fillos de galegofalantes no rural manifestan competencia nesta lingua, mentres que no hábitat urbano hainos que manifestan escasa ou ningunha competencia en galego.

DESGALEGUIZACIÓN TEMPERÁ NO CONTEXTO URBANO

"Encontramos que non só os nenos e nenas pertencentes a familias castelanfalantes presentan competencia oral activa exclusiva en castelán, senón que isto tamén ocorre nalgúns casos en descendentes de familias galegófonas, sobre todo na cidade, o cal, sen dúbida, resulta especialmente preocupante, xa que revela unha desgaleguización moi temperá no contexto urbano", expón Ana Iglesias Álvarez.

O estudo sinala que a principal diferenza entre os hábitats urbano e rural radica en que "os nenos e nenas do rural con proxenitores galegofalantes si manifestan competencia nesta lingua, mentres que no hábitat urbano atopamos descendentes de galegofalantes que manifestan escasa ou ningunha competencia en galego".

Os alumnos de familias castelanfalantes "amósanse incapaces de producir expresións en galego, nin sequera como resposta a un interlocutor galegofalante".

Por outra parte, destácase que no caso dos alumnos pertencentes a familias castelanfalantes no hábitat urbano "o ensino non está sendo quen de transmitirlles competencia" en galego.

Neste punto, observouse unha diferenza nos niveis de lingua, xa que "este alumnado si acada, en xeral, algún vocabulario básico en galego, así como o fai tamén en inglés, pero se amosa incapaz de producir expresións en galego, nin sequera como resposta a un interlocutor galegofalante", subliña a autora.

No hábitat rural, nos casos estudados nos que se usa na escola o galego como lingua vehicular principal, o alumnado si mantén este idioma cando é a lingua familiar, "aínda que incorporando nalgúns casos xa o castelán, en maior ou menor medida, como consecuencia, polo tanto, dos axentes de socialización diferentes da familia e a escola, en especial, supoñemos, da televisión", explica a profesora da Universidade de Vigo.

Nos casos de familias castelanfalantes do rural, os seus fillos si manteñen a lingua familiar, o español.

"En definitiva, nos primeiros anos de escolarización, mentres a reprodución lingüística do castelán parece estar garantida, tanto no contexto urbano coma no rural, a do galego vese totalmente amezada no hábitat urbano. Ademais, actualmente, non se está a iniciar a adquisición da competencia bilingüe que a lei establece para este nivel educativo", conclúe Ana Iglesias Álvarez. 

O estudo, titulado 'A adquisición da competencia bilingüe no alumnado de educación infantil en Galicia', foi presentado no XIII Congreso Internacional de Lingüística Xeral (CILX2018), celebrado na Universidade de Vigo do 13 ao 15 de xuño de 2018.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Vijo

Ah, pero os do BNG falan castelán?

2 Marga

Parabéns á autora: agardo a publicación da comunicación. Permítome facer algunha precisión sobre a redacción da noticia, non sobre o traballo de Ana Iglesias: - O estudo refírese ao ensino infantil unicamente (0 a 6 anos); só así se explica que haxa nenas que non son quen de "producir expresións en galego". - A oposición rural/ urbán a cada vez é máis difusa: hai rural en Vigo e 'cidade' en Vilalba. De porparte, fálase máis galego na cidade de Ourense que en Porriño...

1 An Daigean

Vaia novidade. Eu nacín e crieime no rural. Hoxe vivo nunha zona urbana. Teño estudos superiores e un domino absoluto dos dous idiomas. Isto hoxe é imposible para un neno nacido en zona urbana excepto para casos como os dos meus fillos ou de outras persoas coma min que loitamos coma titáns para transmitirlles o idioma. Os meus falan galego perfectamente e colocan os pronomes con absoluta perfección pero ademais falan castelán moito mellor que outros aos que só lles falan castelán os pais. Por que? Non vou dar a resposta para non sacarlle as cores a moitas persoas. Todo o mundo a sabe non?

1 Gamela

Cicais porque teñen un pai que lles transmite a lingua propia con amor ?