Como acabar cos lumes: "nin un ferrado sen traballar"

Nos meses de verán Galicia mira con preocupación cara aos seus montes: é a época de maior risco de incendios forestais. Detrás deles, hai moitas cuestións de fondo que aínda hoxe non teñen unha solución clara. O GC fala con Moncho Díaz, un axente forestal que leva 25 anos no oficio, e con Juan Picos, especializado na silvicultura, para debullar algunhas das chaves do problema dos lumes.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 31/07/2018 | Actualizada ás 21:56

Comparte esta noticia

Os lumes son xa un mal endémico no país. Os de outubro do ano pasado levaron por diante 49.000 hectáreas de monte, e durante estes meses estivais, tanto axentes forestais coma veciños encenden todas as alarmas fronte a novas posibles vagas de lumes coa chegada de altas temperaturas. Neste momento clave, sae á luz o libro "Incendios forestales. Reflexiones desde Galicia", que se presentou este martes no Consello da Cultura Galega como "unha obra imprescindible para coñecer o fenómeno dos incendios forestais". Nel faise alusión á desestruturación do medio rural e á xestión do territorio, á repoboación forestal pública, á extinción dos incendios e protección dos bens, á silvicultura preventiva, á atenuación dos danos... En definitiva, dáse unha visión multidireccional sobre a problemática dos incendios.

Dantesca imaxe da parroquia de Chandebrito (Nigrán), onde morreron dúas persoas tras os devastadores lumes que arrasaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro
Dantesca imaxe da parroquia de Chandebrito (Nigrán), onde morreron dúas persoas tras os devastadores lumes que arrasaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro | Fonte: Miguel Núñez.

Tanto Moncho Díaz, axente forestal, como Juan Picos, un dos autores do libro citado e especialista en silvicultura, concordan nalgo: a xestión das masas forestais é un suxeito activo para evitar os lumes. Tal e como dixo Picos na súa intervención, "o incendio podes matalo afogándoo ou deixando de darlle de comer". É importante implantar medidas a curto prazo que consigan sacarlle o aire ao lume, pero tamén hai que chegar ao fondo da cuestión: "o exército vixiando, as cámaras no monte, a policía... está ben, son máis ollos a mirar, pero teñen un custe moi elevado para a efectividade real que implican. A solución dos indencios en Galicia ten que xurdir dun acordo político, hai que mollarse e meterse moi a fondo no tema", comenta Moncho Díaz.

"O peor que lle pasou a Galicia nestes últimos 40 anos non foron os incendios forestais. O peor foi que non tivemos políticos na dirección do traballo do monte á altura da nosa terra, non teño dúbida". Acabar cos lumes implica, segundo Díaz, unha decisión política que chegue á súa causa primeira. "Os axentes podemos seguir deixándonos a vida apagando os incendios, pero nós non imos ser quen acabemos con eles de raíz... A columna acaba nas decisións políticas", di. Que ten que mudar, entón, na xestión dos espazos máis masacrados polos lumes?

TERREOS A MONTE...

Nos incendios inflúe todo: a climatoloxía, a vexetación, o abandono dos montes... E sobre esta casuística é sobre a que hai que traballar. Para Picos "a silvicultura e a xestión forestal están na base da filosofía da loita contra os lumes". Trátase, pois, de intentar que a terra sexa o máis resistente posible. E Moncho Díaz, dende a súa experiencia, pode asegurar que "aquelas zonas onde o monte xera un beneficio económico arden menos". Os terreos abandonados do rural son caldo de cultivo para que as muxicas prendan, e hoxe en día, hai moito monte sen xestionar. "Está en mans de centos de miles de propietarios forestais e miles de comunidades de montes. Coñezo casos exemplares de xestión de montes, pero tamén coñezo a ausencia desa xestión. Nunha constelación tal, temos que ser quen de seleccionar os bos e corrixir os malos". Así é como o entende Juan Picos, que tamén considera que os patróns de consumo son pouco eficaces para combater os indencios.

As decisións persoais teñen moito que ver en todo isto, as intencións de cada quen sobre a súa terra e a maneira en que se lle queira sacar rendemento. Díaz asegura que "a nosa política debería ser: nin un ferrado sen traballar. Este é un paso decisivo para acabar cos lumes". Segundo el, é inconcevible que unha persoa traballe a súa terra e os veciños do lado poidan permitirse o luxo de ter o terreo abandonado. "Se tiveramos a producir o monte galego ao 100%, os lumes reduciríanse". Por isto, unha das solucións pasa por aplicar unha regulación clara. Se ben na cidade non se pode levantar un edificio en calquera lugar, no rural tamén debe facerse manifesto "o que, como e cando debemos plantar". "Se un veciño ten o terreo sen producir, que pague en impostos o dobre do valor da terra. Se non o quere coidar, que o venda ou que o arrende, pero que non o teña abandonado". Para Moncho Díaz, unha normativa deste estilo é fundamental.

...E MONTES A EUCALIPTO

Máis coñecemento por parte dos responsables políticos, traballar con datos actualizados e non esquecer a investigación durante as épocas de baixo risco tamén son "problemas estruturais" pendentes de resolución segundo Picos. "É importante asumir que temos dúas fortunas en Galicia: a produtividade agraria e forestal alta - un don galego - e que a terra sexa da xente", comenta. Así pois, habería que ser quen de atopar as formas de traballar con estas dúas variables. Moncho ten claro que "a xente que vive no rural está totalmente a favor da limpeza das fincas, porque os que vivimos nas aldeas queremos que se nos coide". Polo tanto, o problema atópase naquela outra xente que vive na cidade, lonxe das leiras que ten nas aldeas: "o que queren é poñer un eucalipto máis nesa esquina que lles quedou libre", comenta. 

Sobre a eucaliptización do territorio, di Picos que "esta árbore está aquí para quedar. A pregunta que debemos facernos é onde e como". Está claro que o eucalipto xera rendementos rápidos e non supón un gran esforzo nos seus coidados. Quizais por iso inza as terras galegas. "É un gran erro que se está cometendo. O monte non pode converterse nun monocultivo, e ademais, esta especie favorece moito a propagación do lume", recorda Díaz. Ata hai uns anos, o eucalipto estaba limitado por condicionantes naturais como a altitude e o clima, pero as novas variedades son máis resistentes ás xeadas e ás pragas, polo que xa se atopan en calquera lugar. Díaz, igual ca Picos, pon o foco de atención na riqueza da nosa terra: "é capaz de producir calquera cousa e iso debemos aproveitalo, evitando que a xente nova marche do rural. Temos que intentar que volvan e tomen as rendas dos terreos abandonados", explica. 

A EDUCACIÓN E A EMPATÍA

A empatía da cidade co rural, que é o que sofre as vagas de incendios. "Dende a cidade vemos como unha ameaza o que acontece no rural, pero no fondo somos os que marchamos del", comenta Picos. Os lumes sempre prenderon lonxe das grandes aglomeracións das vilas: "a xente na cidade ve os incendios como un problema da aldea. Dende a pantalla da televisión non sae para fóra", di Moncho Díaz. Mais o certo é que nos lumes de outubro, as lapas tamén apareceron no mesmo centro de Vigo; e con elas, a concienciación chegou de golpe ás casas urbanas de Galicia. "O lume saltou da pantalla por primeira vez nas súas vidas" e vivir nun sétimo piso xa non era sinónimo de seguridade. A sociedade sentiu o problema dos incendios máis preto, pero Díaz lamenta non ter conseguido melloras na educación ambiental sen ter que pasar por aquelas horas abafantes.

De igual modo, Moncho Díaz, como axente forestal, ve fundamental sentar nunha mesa a todos os actores sociais que están nesta mesma loita. "A clave está nun plan de ordenación axeitado e nunha aposta pola nosa terra", comenta. Unha defensa do propio que tamén pasa por abrir as miras máis alá dos eucaliptos - Moncho pon como exemplo as plantacións de castaño que Amancio Ortega ten en Sobrado e que "lle darán moito diñeiro a longo prazo" -; e por falar e contar o que a xente sabe, "porque quen pon o lume sempre é alguén de preto".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Ecosistemas acuáticos

Deberían aumentar las condenas a las personas que provoquen incendios, porque no tienen las precauciones necesarias porque sienten que no pagarán nada. https://cumbrepuebloscop20.org/medi...

2 desdeEstrasburgoconamor

O monte non arde se non lle prenden e dá igual que estea limpo ou non, iso só influe na intensidade. E por que non arde en Suiza, Alsacia, centro de Francia, unha gran parte de Alemaña? Levamos semanas con temperaturas de 35 grados e un mes sen chover. Unha clave é o traballo da terra pero será tamén o civismo e o feito de que a maior parte do monte é autóctono e NON ESTÁ LIMPO no sentido que din en Galiza. Conserva moita humidade a pesar da sequedade. A terra trabállala se che permite vivir aínda que en Galiza haxa un problema cultural co rural que non hai en Europa.

1 Gamela

e como evitamos que a xente nova marche do rural cando xa hai tempo que marchou ? nin un ferrado sen traballar... cando non hai quen traballe a terra? Se un veciño ten o terreo sen producir, que pague e se non o quere coidar, que o venda ou que o arrende... a catro euros a Ha? Porque o valor da terra está nas mans dos especuladores! As cousas son moito máis complexas! Pero a lei do solo de Galicia e a normativa de cortar calquera árbore a menos de 50 metros dunha casa pode converter Galicia nun DESERTO !!!