O libro sobre Elías Valiña, o cura revitalizador do Camiño, traducirase ao italiano

O ensaio "Elías Valiña, o valedor do Camiño", de Luís Celeiro, editárase por primeira vez no 2007 pola Xunta de Galicia para conmemorar o 20 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural de Europa.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/08/2018 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

O libro "Elías Valiña, o valedor do Camiño", do escritor e xornalista Luís Celeiro, traducirase ao italiano no marco dun proxecto educativo e didáctico dirixido pola profesora titular de Lingua Española da Universidade italiana de Cagliri, Daniela Zizi. Nel tamén participan estudantes altamente cualificados do grao "Traduzione Specialistica dei Testi" que se imparte nesta Universidade. 

Hórreo ancarés no Cebreiro
Hórreo ancarés no Cebreiro | Fonte: Miguel Núñez.

"Elías Valiña, o valedor do Camiño" é un ensaio sobre o cura do Cebreiro editado en outubro do 2007 pola Xunta de Galicia, a través da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo. Esta data fora premeditada, pois así coincidía co 20 aniversario da declaración co Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural de Europa. Ao ano seguinte edítanse, de novo en galego e castelán, as segundas edicións deste libro biográfico sobre Elías Valiña Sampedro, que foi, na segunda metade do século XX, o máis importante revitalizador do Camiño de Santiago e un dos grandes defensores e coidadores do patrimonio cultural ao longo do Camiño.

Nesta obra que agora, vinte e cinco anos despois do Xacobeo 93, está en proceso de tradución ao italiano, o autor analiza diferentes aspectos da vida e da actividade de quen foi cura do Cebreiro de 1959 a 1989 e, en dúas ocasións, premio de investigación do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Un doutor en dereito que dedicou a súa vida á loita polos cambios sociais que consideraba imprescindibles para erradicar as desigualdades entre os xéneros e entre os pobos.

Con esta publicación, Luís Celeiro agrandou e mostrou o valor do labor calado daqueles que dedicaron parte da súa vida á promoción, divulgación e defensa do patrimonio cultural en todos os seus aspectos, especialmente do Camiño de Santiago. Por esta razón mostra a súa gratitude á profesora Daniela Zizi, aos estudantes e responsables da Universidade de Cagliari, polo interese que mostraron polo libro e pola divulgación do Camiño de Santiago, así como ao Xacobeo, por facilitar a realización do proxecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta