Os axentes forestais e medioambientais seguen en folga ante o "menosprezo" da Xunta

O PSOE acusa a Xunta de "grave irresponsabilidade" por manter "aberto" o conflito con axentes forestais

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/08/2018 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

Dende o 1 de agosto os Axentes Medioambientais están en folga indefinida. Con todo, os sindicatos convocantes, CIG e UGT, afirman que cuns servizos mínimos do 100%, "desiguais e abusivos" é "difícil exercer o dereito constitucional da folga". No caso dos axentes ambientais os sindicatos decidiron suspendela ante "as circunstancias perigosas" que implicaban uns mínimos do 20%. Con todo, xa estudan reactivala, para o que iniciaron a recadar diñeiro para unha "caixa de resistencia".

Xuntanza do deputado do PSOE cos axentes forestais
Xuntanza do deputado do PSOE cos axentes forestais | Fonte: PSOE

Máis alá disto, aseguran que a pretensión da Xunta de Galicia dende o primeiro momento era "aumentar a carga de traballo cunha suba salarial vinculada unicamente a extinción de incendios sen ter en conta outras reivindicacións de condicións de traballo e saúde e seguridade laboral". Neste último acordo laboral, e segundo din os sinditatos, séguese mantendo un "gran exceso horario de 1.700 horas anuais". Ademais, establece quendas de garda de 12h de presenza durante o verán, aumenta a xornada nocturna do inverno de sete a dez horas, non garante o período de descanso semanal de 48 horas consecutivas e non establecen nada referido á segunda actividade nin aos coeficientes redutores para a idade de xubilación. Todas estas, pois, seguen sendo reivindicacións de UGT e CIG, que aseguran que a Xunta "obvia" ou "menospreza" o traballo na xestión forestal.

Na área de conservación da natureza, os axentes ambientais (adscritos na Consellería de
Medio Ambiente e Ordenación do Territorio) "perden masa salarial", aseguran as centrais sindicais. Deste xeito, non se garante a realización das gardas nas mesmas condicións que o persoal de extinción. E ademais, "ven recortados os dereitos de conciliación, vacacións, permisos e licenzas", comentan. Outra das loitas formouse contra a creación dunha mobilidade funcional para cubrir os incendios forestais, de forma que este persoal abandonaría as súas funcións de custodia da riqueza natural do país. En definitiva, CIG e UGT   denuncian o "desmantelamento efectivo deste servizo da defensa e protección do patrimonio natural de Galicia". 

Por todo isto, o comité de folga cre que o único xeito de igualar funcións e tarefas de axentes de cara ao mantemento do servizo é retribuír as especificidades do traballo en tódalas súas vertentes no complemento específico, de xeito que estea integrada a penosidade, toxicidade, nocturnidade e especial responsabilidade. " Cando vemos inxentes cantidades de diñeiro en drons, en cámaras, en material de AXEGA, no exército... sorprende que non se acepten as reivindicacións en prol da mellora dun servizo público único", recordan.

Coa teima de "desmontar a vinculación negocio-incendio", os axentes medioambientais e forestais queren "recoñecemento, dignidade profesional e retribucións acordes a outros colectivos da Administración".

O PSOE ACUSA Á XUNTA DE "GRAVE IRRESPONSABILIDADE"

O deputado do PSdeG Juan Díaz Villoslada acusou á Xunta de "grave irresponsabilidade" por manter "aberto" o conflito con axentes forestais e ambientais, que reclaman un novo acordo laboral e que avisan de que seguirán "en loita" ante o "menosprezo" da Administración. Reprobou, neste contexto, que "os compromisos" que presentou a conselleira de Medio Rural nun pleno de xuño ante a interpelación do seu grupo "parece que quedan en papel mollado".

Neste sentido, avisou da "irresponsabilidade" de estar en plena campaña de alto risco de incendios cuns profesionais en folga para reclamar melloras nas súas condicións e na operatividade das súas tarefas. "Botamos en falta que non se poña en valor o labor dos axentes forestais e ambientais", fixo fincapé.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta