Temas: FRASEOLOXíA

“(De) Tales pais, tales fillos” ou “de tal pau, tal racha”, dúas das moitas paremias galegas equivalentes a “de tal palo, tal astilla” (1ª parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 26/08/2018 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

Quen non ten escoitado algunha vez, pronunciado directamente en castelán, o refrán De tal palo, tal astilla? Pois, desde logo, o que é visto é que non será pola falla de paremias galegas que dan conta, precisamente, da semellanza de accións, caracteres ou costumes entre pais e fillos, paremias que constitúen, como ides ver, unha verdadeira morea. Tal é así que, por norte de non saturar o lector con toda a restra delas, imos dividir este artigo en dúas partes. Velaquí a primeira:

Unha familia diríxese á carballeira de Curtis
Unha familia diríxese á carballeira de Curtis

De tal palo, tal astilla

{= Refrán que dá conta da semellanza de accións, caracteres ou costumes entre pais e fillos.}

De tal pau, tal racha

(De) Tales pais, tales fillos && (De) Tal pai, tal fillo

(De) Tales terras, tales nabos && (De) Tal terra, tales nabos

(De) Tales olas, tales cachos && (De) Tal ola, tales cachos

De tal pano, tal saia

Ex.: He oído que el hijo de Nacho va a probar por el Barcelona. —¡Hombre, no me extraña: de tal palo, tal astilla!

Sentín que o fillo de Nacho vai probar polo Barcelona. —Home, non che me é de estrañar: de tal pau, tal racha (de) tales pais, tales fillos(de) tales terras, tales nabos(de) tales olas, tales cachosde tal pano, tal saia!

● Tamén:

De tal gente, tal simiente

(De) Tales paíños, tales filliños && (De) Tales pais, tales fillos; (de) tales carros, tales estadullos && (De) Tales pais, tales fillos; (de) tales carros, tales atadallos && (De) Pais tamborileiros, fillos tunturuntún && (De) Tales cochas, tales ranchos && (De) Tales cortiñas, tales nabos && De tal xente, tal semente

● E tamén:

En las uñas y en los pies semeja a mí quien es && En los pies y en las uñas se verá de dónde vienes && O en la oreja o en el rabo, la mula es asno

(Ou) Nas mans ou nos pés has(lle) (de) tirar a quen es && (Ou) Nas mans ou nos pés has (de) saír a quen es && (Ou) Nas mans ou nos pés has(lle) (de) imitar a quen es && (Ou) Nas mans ou nos pés haste de parecer a quen es && Polas mans ou polos pés dirás sempre quen es && Ou nas mans ou nos pés sempre tiras a quen es && Ou nas uñas ou nos pés has de mostrar de onde vés && Cal nas uñas, cal nos pés, has(lle) (de) imitar a quen es && Cal nas uñas, cal nos pés, has(lle) (de) tirar a quen es && (Ou) Nas uñas ou nos pés has (de) saír a quen es && Ou nas uñas ou nos pés has(lle) (de) tirar a quen es && Cal na cara, cal nos pés, has(lle) (de) imitar a quen es && Cal nas mans, cal nos pés, haste (de) parecer a quen es && Ou nas uñas ou nos pés dirás de quen es && (Ou) Na cabeza ou nos pés has(lle) (de) de imitar a quen es && (Ou) Na cabeza ou nos pés has saír a quen es && (Ou) Na cabeza ou nos pés has(lle) (de) de tirar a quen es && (Ou) Na planta ou nos pés has(lle) (de) de tirar a quen es && (Ou) Nas uñas ou nos pés semellarás a quen es && (Ou) Nas uñas ou nos pés has (de) semellar a quen es && Ou nas uñas ou nos pés sempre tiras a quen es && (Ou) Nas orellas ou nos pés has (de) saír a quen es && Quen é fillo de raposo ou de lobo castizado ha (de) saír a seus pais nas orellas ou no rabo

● Igualmente:

Tal madre, tal hijo pare && Cual es la madre, así las hijas salen

(De) Tales nais, tales fillos/as && (De) Tal nai, tal fillo/a && Tal nai, tal fillo/a fai && Cadaquén # Cada cal # Cada un é fillo de súa nai && Cadaquén # Cada cal # Cada un é fillo de quen o pariu

● Así mesmo:

Cadaquén # Cada cal # Cada un tíralles ós seus && Os cachos imitan # imítanlles ás olas && A acha sae á madeira && A acha tira para a racha && [E MESMO, ASOCIADA A ÁMBITOS DE USO COLOQUIAIS]: Quen non sae ós seus é un porco

● Tamén, en contextos, e mudando xa a estrutura da expresión:

Tíralle # Sae á raza && Tíralle # Sae á casta && Ser fillo de pai # de nai

Ex.: Sentín que o fillo de Nacho vai probar polo Barcelona. —Home, non che me é de estrañar: tíralle á raza sae á castaé fillo de pai!

NOTAS:

1. Velaquí un sucinto repaso léxico a voces que aparecen no presente artigo e se cadra resultan descoñecidas ou dubidosas para algúns lectores (naqueles casos en que tiramos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, indicámolo):

Racha (DRAG): substantivo feminino 1. Anaco pequeno e irregular de madeira ou de pedra feito cando esta se parte ou rompe violentamente. Ex.: Arredor do picadeiro quedou cheo de rachas. Sinóns.: acha, cavaca, cavaco, racho. Ex.: Tapou as fendas do muro cunhas rachas de pedra. 2. Anaco grande de madeira que resulta de fender un toro. Ex.: As rachas secas arden ben. Sinón.: acha. 3. Cacho delgado e plano que se parte ou corta dunha cousa. Ex.: Unha racha de touciño. [Viría a designar, xunto tamén con algunha outra voz, coma por exemplo lisco (amais doutras non recolleitas no DRAG con este significado pero si usadas –ou, por mellor dicir, inda usadas, malia que cada vez menos– na oralidade galega, coma lasca, lisca, labra ou para), a realidade nomeada en castelán como loncha, voz espuria en galego que hoxe en día está practicamente expandida de xeito xeral na nosa lingua.]

É de facer notar que o uso de racha como “golpe de vento producido por un cambio brusco da súa dirección” (DRAG) constitúe un castelanismo, dado que en galego temos voces propias para nos referirmos a esa mesma realidade, coma refacho, axada, refoleo ou remosque.

Así mesmo, a voz racha tamén a hai que considerar ilexítima en galego (coma sempre, sen prexuízo de que a Real Academia Galega a poida integrar nun futuro na norma léxica, inda que sempre tendo presente que se trataría dun préstamo ou calco do castelán) cando se usa como “período durante o cal se produce unha afluencia superior á normal de cousas favorables ou desfavorables” (levar unha boa ou mala *racha; estar de *racha; etc.). Nestes casos a voz xeira (levar unha boa ou mala xeira; estar de boa xeira; etc.) está a ser empregada non poucas veces en espazos audiovisuais e mais en publicacións, sobre todo de ámbito deportivo: O Compostela segue coa súa boa xeira na casa. // O Lugo deulle cabo á súa boa xeira esta pasada fin de semana. // O Bergantiños quere seguir coa boa xeira. // Etc.

Polo que atinxe á secuencia castelá estar # andar de (buena) racha, xa lle dedicaremos un artigo completo, inda que aproveitamos para adiantar algunhas expresións galegas que poden dar conta dese mesmo significado de “estar atravesando un período de boa fortuna”, coma por exemplo estar de quero, pintarlle (moito) ou pintarlle (moito) a sorte. Ex.:

No juguéis contra ella, que últimamente está de racha.

Non xoguedes contra ela, que ultimamente está de quero # que ultimamente píntalle moito # que ultimamente píntalle moito a sorte.

Estadullo (DRAG): substantivo masculino Cada unha das estacas que se colocan polos lados do carro para suxeitar a carga. Ex.: Preparou uns estadullos novos para o carro. Sinóns.: fumeiro, fungueiro.

Atadallo (DRAG): substantivo masculino Cordel, corda, fío, palla ou calquera outra cousa que serve para atar algo. Ex.: Corta os atadallos dos chourizos. Sinón.: amarralla.

Cocho –a (DRAG): substantivo 1. (Sus scrofa domestica) Mamífero doméstico da familia dos súidos, omnívoro, de corpo groso, pel dura e cuberta de sedas fortes, fociño longo e móbil, orellas caídas e patas e rabo curtos. Ex.: Unha granxa de cochos. Sinóns.: chino, marrán, marrancho, quino, rancho. 2. substantivo masculino Carne do cocho.  Ex.: Sempre lle bota cocho ao caldo. 3. adxectivo popular Que ten sucidade. Ex.: Que cocha tes a camisa! Sinóns.: merdeiro, merdento, sucio. Antón.: limpo. 4. Que non se limpa, que non limpa o seu hábitat, ou que ensucia máis do normal e necesario. Ex.: Os cochos son moi cochos. & Que individuo tan cocho, pasa meses sen se lavar! Sinón.: sucio. Antón.: limpo. Tamén substantivo: Es un cocho, lava as orellas. Sinóns.: merdeiro, merdento, porcallán, porcalleiro. 5. [Oficio, ocupación] que fai que a persoa que o realiza ou o local onde se leva a cabo se manchen moito. Ex.: O traballo do ferreiro é moi cocho. Sinón.: sucio. Antón.: limpo. 6. figurado Que actúa ou se comporta sen escrúpulos, sen nobreza, mesmo prexudicando os demais. Ex.: Por iso, aquí entre nós, comigo fuches ben cocho. Tamén substantivo: Un cocho coma el tíñaas que levar antes ou despois. Sinóns.: marrán, merdeiro, merdento, porcallán, porcalleiro.  

Rancho –a (DRAG): substantivo 1. Cría do porco, especialmente mentres mama. Ex.: Temos unha rolada de ranchos. Sinóns.: leitón, marrancho, reco, rello, relo, rengo, zacote. [Como se pode apreciar, estas voces véñense basicamente a corresponder co castelán cochinillo.] 2. por extensión Porco. Ex.: O rancho escapounos por varias veces.

Cortiña: substantivo feminino Terreo de labor próximo á casa, xeralmente cercado e de pequenas dimensións, dedicado fundamentalmente ao cultivo de cereais, hortalizas ou patacas. Sinón.: chousa.

Acha (DRAG): substantivo feminino 1. Anaco pequeno e irregular de madeira que salta cando esta se parte ou rompe violentamente. Ex.: Recolle esas achas para queimar. Sinóns.: cavaca, cavaco, estela, racho. 2. Anaco groso de madeira que resulta de fender un toro. Ex.: Partín o mango do machado facendo achas. Sinón.:

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Acevedo y Huelves, Bernardo & Fernández y Fernández, Marcelino: Vocabulario del bable de occidente, 1932. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Graña Núñez, Xosé: Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega. Ir Indo Edicións, Vigo, 1993.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aportazón ao refraneiro. Coleición de refrás recollidos da tradizón oral por Lois Carré (1898-1965)”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 129-141. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego, publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- Vidal Castiñeira, Ana: “Aproximación ó ‘mínimo paremiolóxico’ galego. Unha proposta didáctica”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 79-116. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vidal Castiñeira, Ana: “Un manuscrito paremiolóxico de Murguía”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 117-128. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 GalegON

Gran traballo como sempre. Canta fraseoloxía gardada no faio...