Armadiña Rock non quere ver a súa imaxe danada polo intento de agresión sexual na zona de acampada

Colectivos políticos e feministas de toda Galicia mostraron publicamente o seu rexeitamento ao suceso: "Xuntas, respectadas e libres".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2018 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

A organización do Armadiña Rock Estrella Galicia espera que a súa imaxe non resulte "embazada" polo intento de agresión sexual sufrido por unha moza na zona de acampada do Festival celebrado esta pasada fin de semana na localidade de Combarro, no municipio de Poio.

Garda Civil na zona na que se produciu o intento de agresión. GUARDIA CIVIL DE PONTEVEDRA
Garda Civil na zona na que se produciu o intento de agresión. GUARDIA CIVIL DE PONTEVEDRA

O portavoz da organización do evento, Afonso Vilanova, quen compareceu este martes en rolda de prensa xunto ao concelleiro de Turismo de Poio, Xosé Luís Martínez, volveu a lamentar profundamente esta situación e pediu en rolda de prensa que "non se embazase o que foi o discorrer do festival, que realmente foi tranquilo, sen grandes incidencias e mesmo, nese sentido, se pode dicir que exemplar" comparado con outros eventos similares.

"Creo que (o Armadiña Rock) foi un exemplo de civismo por parte de todo o público que veu e por culpa dun desalmado non o imos embazar" insistiu Afonso Vilanova, lembrando que durante dous días de duración do Festival pasaron unhas 25.000 persoas por este recinto musical. Na tarde deste luns, varios colectivos sociais, políticos e feministas responderon o chamamento de urxencia realizado desde a asociación Armadiña, organizadora do festival, para mostrar publicamente o seu rexeitamento ao ataque sexual sufrido por unha nova.

"XUNTAS, RESPECTADAS E LIBRES"

Centos de persoas acudiron á concentración realizada na Praza da Chousa de Combarro situándose detrás dunha pancarta da asociación Armadiña que resumía en tres palabras as reivindicacións dos colectivos feministas a diario: "Xuntas, respectadas e libres". Tanto o colectivo convocante como o goberno local bipartito, partidos como BNG e PP e asociacións feministas de distintos puntos de Galicia mostraron un respaldo unánime á vítima cunha concentración masiva en Combarro.

A organización leu un manifesto insistindo en que a vítima está desprotexida ante o agresor, que foi posto en liberdade horas despois, "permitíndolle poder reincidir nos seus actos" e pedindo "unha xustiza que empatice coas mulleres e unhas leis que garantan os nosos dereitos". Ademais, esixen de maneira urxente un cambio educativo para que as novas xeracións se eduquen no respecto e na igualdade e se mostren críticas coas voces que consideran que "minimizan os feitos" argumentando que non pasou nada.

"Si que pasou, e non foi un intento, foi unha agresión", engaden sobre o ocorrido, cualificado a nivel policial e xudicial como delito de agresión sexual en grao de tentativa, porque "un home considerou que tiña o dereito a acceder sen consentimento ao corpo dunha muller". A edil de Igualdade, Rosa Fernández, á marxe deste "terrible" suceso, fixo un balance "moi positivo" da primeira experiencia dun 'Punto Lila' de información e atención á muller, instalado na Praza da Chousa durante as dúas noites do Festival Armadiña Rock. Á súa vez, destacou a actitude concienciada das numerosas persoas que se achegaron até este lugar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta