O PPdeG "celebra o aniversario" de Albor cunha homenaxe a quen "dedicou un século" a Galicia

Feijóo reivindica o "galeguismo inclusivo" nun acto no que propuxeron rebautizar co nome de Albor a rúa compostelá na que naceu.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2018 | Actualizada ás 20:26

Comparte esta noticia

A plana maior do PP galego reuniuse este venres, xunto con familiares e amigos do falecido expresidente Gerardo Fernández Albor, para celebrar o que tería sido o seu 101 aniversario nunha homenaxe que acolleu o compostelán Parque de Bonaval. A localización, próxima ao Panteón de Galegos Ilustres, e a data elixida, serviu aos populares para agradecer o "século dedicado a Galicia" do mandatario. Feijóo, que tamén celebra o seu aniversario este mes, un detalle que o mesmo puxo en valor, sinalou o "galeguismo inclusivo" como unha das tres "leccións" máis importantes que Albor, xunto coa capacidade de "saber encaixar os golpes e aprender deles" en política, e a convicción de que "Galicia ten moito que dicir na construción dunha Europa mellor".

Homenaxe a Albor no Parque de Bonaval
Homenaxe a Albor no Parque de Bonaval | Fonte: Europa Press

Do mesmo xeito que o resto de participantes no acto, non escatimou en eloxios para Albor, identificado, como primeiro presidente autonómico elixido as urnas, como o encargado de sentar as bases do autogoberno. O político do "sentidiño", como tamén lembrou Adrián Fernández-Albor, o neto do expresidente. Feijóo agradeceu poder celebrar "con moitos convidados" o aniversario de Albor, que faleceu en xullo cun século de vida, e aproveitou para identificar a "grandeza" do PPdeG coa súa capacidade para manter a unidade e poder organizar este tipo de actos. E é que, ao seu modo de ver, a "grandeza dun partido" non reside na responsabilidade ou o poder que asume nun momento determinado, nin sequera da cantidade de xente que consiga que lle vote. "Os partidos realmente fortes teñen a capacidade e calidade dos seus equipos humanos, e coñecemento e respecto á historia das súas siglas", proclamou.

ALBOR, "UN XIGANTE"

Así, ademais de agradecer o século que Albor "dedicou a Galicia", pero tamén "a España e a Europa", Feijóo citou a soada frase de Isaac Newton 'Se vin máis lonxe é porque estou sentado sobre os ombreiros de xigantes'. "Un dos xigantes" aos que o PP se sobe "cada día", asegurou o presidente galego, "é Albor". "A Galicia que imaxinou é a Galicia na que vivimos hoxe", sentenciou e reivindicou a situación da comunidade fronte "ao risco de ideoloxías excluíntes". De Albor lembrou, así mesmo, algún dos seus fitos políticos e que "impulsou o regreso a Galicia dos restos de Castelao contribuíndo a pechar unha etapa escura e a abrir un tempo de reconciliación". "Os libros dirán que a luz de Albor se apagou o 12 de xullo, pero nós sabemos e cada día diremos que non é así: o faro da súa obra e pensamento seguirá iluminando o noso pensamento", apostilou.

No seu discurso tamén houbo lugar para as anécdotas e mesmo para as bromas. Así, augurou que, se Albor ía "pechando" as listas de Santiago, o actual portavoz popular na cidade, Agustín Hernández, non pode perder as próximas municipais. "El puido ser alcalde", agregou, en alusión ao que lle pasou ao propio Hernández, quen no seu día pechaba a lista e acabou á fronte da Alcaldía.

"ALBOR DO AUTOGOBERNO E DA CAPITALIDADE"

Precisamente, de anfitrión exerceu Hernández, quen fixo un repaso pola traxectoria vital e política do expresidente. Del dixo que "fixo honra ao seu apelido", pois foi "albor do autogoberno e da capitalidade" de Santiago. "É unha honra ter vivido ao seu lado", sentenciou Hernández, quen tamén tivo un recordo para outra "figura" vinculada co partido, a tamén recentemente falecida Rosario Fraga, nai do portavoz popular na Cámara galega, Pedro Puy Fraga. "Figuras así", manifestou, son as que dan "forza" ao PP. Por iso, Hernández pechou o acto manifestado o seu desexo de que "dentro de nove meses", cando se celebre o primeiro aniversario do falecemento de Fernández Albor, os populares estean á fronte do Consistorio compostelán.

REBAUTIZAR A RÚA NA QUE NACEU

Coa descrición do mandatario continuou o catedrático e presidente do Foro Galicia Milenio, Marcelino Agís. "Era e será por sempre a alma grande de Galicia, o corazón farturento de Galicia", proclamou. Ao tempo, lembrou que Albor era compostelán, que naceu na Rúa Nova de Abaixo, e, a pesar de que a capital galega xa ten unha vía na súa honra, aproveitou para suxerir que "non estaría de máis", se Hernández chega a gobernar, rebautice a rúa na que naceu co nome do falecido expresidente. O acto, no que dous vídeos repasaron a traxectoria vital e política de Albor, tamén contou cunha emotiva intervención do seu neto Adrián, que pechou cuns "Feliz aniversario, avó".

O EXPRESIDENTE FALECEU EN XULLO AOS 100 ANOS

O expresidente da Xunta Gerardo Fernández Albor faleceu o pasado 12 de xullo aos 100 anos de idade. A vocación levárao inicialmente polo camiño da Medicina, carreira que iniciou na Universidade de Santiago de Compostela e que concluíu após verse interrompidos os seus estudos ao empezar a Guerra Civil en 1936, aínda que isto non lle impediu involucrarse na vida pública.

O paso cara a adiante en política deuno da man de Manuel Fraga, con quen entrou de cheo en política ao concorrer ás primeiras eleccións autonómicas de outubro de 1981 como candidato de AP, unha decisión que o converteu no primeiro presidente galego elixido as urnas. Desde entón mantivo unha activa vida política e o PPdeG identifícao como un dos seus referentes. Máximo expoñente do "sentidiño" para os populares, que con Feijóo á fronte reivindicaron este concepto reiteradamente, celebrara cos seus o século de vida en setembro de 2017.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta