A Xunta aproba un decreto para axilizar as cortas de madeira en lugares protexidos

Destaca que permitirá que se tallen especies de crecemento rápido como acacias e eucaliptos en espazos de Rede Natura, estradas autonómicas protexidas e leitos de río da conca Galicia Costa. “É para axilizar a tramitación das madeireiras”, xustifica Feijóo cunha medida que lles aforrará ás empresas da madeira 1,7 millóns en taxas da Xunta.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/09/2018 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

O presidente Alberto Núñez Feijóo e o goberno que preside están dispostos a facilitar a tramitación para que particulares, pero principalmente as madeireiras, axilicen a corta de determinadas especies arbóreas, sobre todo, aquelas de crecemento rápido como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia. Unha “axilización” que queren realizar en zonas protexidas.

Operarios de ENCE trafegando madeira
Operarios de ENCE trafegando madeira | Fonte: ence.es

Ata agora, nas áreas protexidas había que pedir notificación para realizar esta actividade pero, a partir de agora, a Xunta só esixirá notificacións en determinados espazos. Deste xeito, as madeireiras poderán realizar tallas destas especies nas beiras de estradas autonómicas protexidas, en determinados espazos da Rede Natura e no tramo de entre 5 e 100 mentros de leitos de ríos na conca Galicia-Costa, que depende da Xunta.

“É unha medida consensuada entre varias consellerías; a de Medio Ambiente, Medio Rural e Infraestruturas”, dixo Feijóo en alusión a unha medida que, insistiu, faise para “disminuír a burocracia”. De feito, co sistema de notificación, os madeireiros poden xa realizar tallas sen que se comprobe o terreo sobre o que van a actuar ou os posibles danos que poden causar. 

"AXILIZAR BUROCRACIA"

Actualmetne hai 85.000 solicitudes de corta das que 50.000 (o 60%) xa se fan de forma automática a través de notificacións. “O que se trata é de axilizar a burocracia”, apuntou o presidente galego. Instaurar este mesmo sistema de notificacións –e non o de autorizacións-- en lugares protexidos rebaixará de seis ata menos de dous meses, no peor dos casos, as xestións para realizar cortas. 

Camións trasladando madeira cortada
Camións trasladando madeira cortada | Fonte: esmola.wordpress.com

O Goberno de Feijóo xa aplicara esta medida nos lugares non protexidos grazas a Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, ou “Lei de depredación industrial”, como a coñece a oposición, e que tamén se utilizou para a autorización de proxectos mineiros e eólicos. 

AFORRO

Por iso, Feijóo insistiu que con esta nova medida, os particulares e os madeireiros aforrarán 8,5 millóns de euros en trámites. “Aforraranse 1,7 millóns en taxas da Xunta que non terán que aboar e uns 6,7 en loxística das madeireiras”, indicou. Ademais, xustificou que esta é unha das 30 medidas que “pactou” co PSdeG na Cámara galega para evitar lumes.

Por outra banda, o presidente galego amosou o seu desexo que outras administracións –nomeadamente as locais, provinciais e central-- tamén se sumen a esta proposta e fagan o mesmo cos espazos protexidos da súa competencia. “O lóxico é que nas estradas estatais protexidas ou na Comca Miño-Sil, dependente do Goberno central, se faga o mesmo”, concluíu Feijóo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta