Galicia acaba un verán "cálido e húmido", e temperaturas máximas que superaron os 28 graos

Augas de Galicia destaca o bo comportamento de ríos, recursos freáticos e encoros que estiveron por riba da media de 2017.

Por E.P. | VIGO | 20/09/2018 | Actualizada ás 17:37

Comparte esta noticia

Galicia deixa atrás un verán que, segundo os rexistros de temperaturas e precipitacións, pode cualificarse como "cálido e húmido", e cuxos datos "confirman a tendencia á alza" dos termómetros, segundo o balance meteorolóxico presentado este xoves en Vigo pola directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira; e polo director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez. Segundo explicou Cruz Ferreira, en canto a temperaturas, o mes de xuño pode cualificarse como "normal", cun valor medio de 17,9 graos; a iso sumáronse algo máis de 101 litros por metro cadrado de precipitación media, o que o converteu nun mes "moi húmido".

Presentación do balance meteorolóxico do verán galego
Presentación do balance meteorolóxico do verán galego | Fonte: Europa Press

No caso de xullo, a temperatura media foi de 20 graos, con pouco sol e calor, temperaturas suaves nas madrugadas e precipitacións algo por enriba da media. Con todo, os termómetros deron un envorco en agosto, con apenas choivas, unha temperatura media de 21,6 graos, e unha máxima media de 28,7 graos, o que o converteu no agosto máis cálido da serie histórica. Segundo lembrou a directora xeral, o mes de agosto estivo marcado por dous episodios de entrada de aire africano, que fixeron que, por exemplo, en Ourense se contabilizasen 12 días con valores por enriba de 35 graos, ou que os termómetros alcanzasen os 43,6 graos en Arbo (Pontevedra).

RECURSOS HÍDRICOS

Pola súa banda, o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, destacou que o comportamento dos recursos hídricos durante o verán foi "normal" e, nalgúns casos, mellor que na estación estival dos últimos anos. Así, no que respecta á evolución dos caudais en superficie, tanto no mes de xuño como en xullo e agosto estiveron por enriba da media destes meses en 2017. No entanto, detectáronse valores inferiores nalgunhas concas do norte e nalgunhas do sur, sempre "dentro do normal" nesas datas.

No mes de setembro, apuntou Roberto Rodríguez, está a manterse o "seguimento" daqueles ríos onde houbo un maior descenso no caudal, por se fose necesario adoptar algunha medida. Por outra banda, confirmou que tanto os recursos freáticos (subterráneos) como os encoros, tiveron un bo comportamento no verán. Así, destacou que a ocupación das presas estivo sempre por enriba da media, tanto nos encoros xerais como nos de abastecemento. Na actualidade, apuntou, o nivel medio de ocupación dos encoros xerais é do 65,9 por cento na demarcación Galicia Costa; mentres que o nivel medio embalsado para abastecemento é do 75,7 por cento. "Pódese falar dun retorno á normalidade, faise seguimento dos problemas, pero en ningún caso son comparables cos dos dous anos pasados", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta