Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2018 | Actualizada ás 14:16
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse convencido de que "os independentistas non van romper España", pero advertiu que "si están a conseguir romper a convivencia en Cataluña", o que considera "moi grave, moi lamentable e moi triste". Por iso, defendeu que o xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, debe actuar e rexeitou "a morneza".
En declaracións aos medios, tras participar nun acto en Santiago, Feijóo proclamou que, despois do ocorrido o 1 de outubro, "acredítase que, cada vez máis, os cataláns non merecen aos políticos que teñen", xa que "non lles interesan problemas e oportunidades cotiáns que ten o conxunto de Cataluña".
Ao seu modo de ver, "hai unha clara diferenza entre o pobo catalán e os seus políticos". "Este é o peor momento da política catalá desde a Constitución do ano 78", sentenciou, antes de exemplificar: "Onte vimos que un presidente, no canto de chamar á calma, ao acougo e ás liberdades, incita á revolta, á tensión, aos insultos e ás ameazas".
Unha actitude, continuou o presidente galego, que é "impropia dun presidente" dunha autonomía e tamén "do representante do Estado na comunidade". Así as cousas, reafirmouse en que, aínda que "os independentistas non van romper España, si están conseguindo romper a convivencia en Cataluña", o que resulta "moi lamentable e moi triste".
Neste contexto, afirmou que lle parece "moi sorprendente" que "algúns partidos galegos consideren que é o que hai que facer, que ese é o modelo". "O modelo non é o independentismo catalán", proclamou, antes de advertir que o PSOE "debe tomar nota" e "non gobernar con ningún partido quente ou que participe das formulacións independentistas".
"MORNEZA"
Preguntado acerca da resposta de Sánchez e se considera que debería aplicar o 155, respondeu que "a morneza non é unha boa formulación para case nada". "Pero cando hai algo tan elemental como é rodear un Parlamento ou ameazar aos deputados e que iso sexa simplemente un incidente... Pois non, rodear un Parlamento non é un incidente, é unha postura antidemocrática, sectaria e fundamentalista", afeou.
"E os sectarismos e o fundamentalismo non caben na democracia española. O presidente de todos os españois debe actuar defendendo os dereitos de todos os españois. Non pode mirar para outro lado", advertiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.