Leiceaga destaca que cun PP "a favor" estaría garantida a transferencia da AP-9

O portavoz socialista ve necesario tempo para que o novo Goberno atope "terreo xuridicamente firme" para recuperar o Pazo de Meirás

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2018 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, destacou que "cun Partido Popular a favor" no Congreso dos Deputados estaría "garantida" a transferencia da AP-9 a Galicia. "Miren vostedes para o PP, que ten 137 deputados, e o PSOE 85. Pregúntenlle a Feijóo que vai facer o PP, porque cun PP a favor teriamos garantida a transferencia pero cun PSOE a favor temos incertezas", indicou.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, na roda
O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, na roda | Fonte: Europa Press

Leiceaga pronunciouse deste xeito nunha rolda de prensa ofrecida este venres, na que subliñou a "diferenza notable" entre a "actitude" do Goberno de Mariano Rajoy, que "impediu" que se debatesen no Congreso dúas proposicións de lei aprobadas no Parlamento de Galicia para o traspaso a Galicia da AP-9, coa do Executivo de Pedro Sánchez, que "levantou o veto das dúas".

"Está ben pór o acento sobre as dúbidas, pero agora temos algunha certeza", subliñou o portavoz socialista ao ser preguntado pola visita do ministro de Fomento, José Luís Ábalos, a Galicia, na que destacou que a postura final será fixada cunha "visión de Estado" após encargar unha "auditoría".

Respecto diso, sinalou que o que dixo Ábalos é que a súa actitude era "aberta" e que "estaba disposto a escoitar a uns e outros". Ademais, aproveitou para incidir en que foi o novo Goberno socialista o que "levantou o veto" ao debate desta cuestión no Congreso. "E a acción do Goberno acaba aí, a partir de aí quen intervén é o Congreso", apuntou Leiceaga, que recoñeceu que, "aínda que a opinión do Goberno é importante", a decisión "depende" da Cámara baixa, onde "hai varias posibilidades de obter maiorías".

Deste xeito, considerou que "o mellor" sería que os grupos que apoiaron a moción de censura "sacasen adiante" a proposición de lei do traspaso. Con todo, recoñeceu que non poden "garantir" o que van facer partidos como o PNV e sinalou que "aritméticamente caben outras opcións". "Entre o Partido Popular e Podemos teñen votos suficientes" como para dar luz verde a esta cuestión, indicou.

Por todo iso, deixou claro que o Partido Socialista de Galicia mantén "a mesma visión". "Non temos dúbidas de que o traspaso non só é posible senón que é o mellor para a AP-9 ser xestionadas desde Galicia", destacou. Ademais, após facer referencia aos "precedentes" de Cataluña e do País Vasco, asegurou que "non debe facer, en principio, problemas para a transferencia". "A autoestrada non é fronteiriza", apuntou.

"COLABORACIÓN E CORRESPONSABILIDADE"

Nunha rolda de prensa ofrecida este venres na Cámara galega, Leiceaga tamén instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a aproveitar este novo talante do Goberno de Pedro Sánchez e a boa disposición coas demandas de Galicia para practicar unha senda de "colaboración leal e corresponsabilidade".

Para o portavoz socialista, esta estratexia terá consecuencias positivas para a cidadanía galega, fronte á tentación de "utilizar á Xunta como unha arma para disparar contra o Goberno central".

Neste punto, fixo referencia á recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público e incidiu na necesidade de que o novo Executivo teña tempo "para atopar terreo xuridicamente firme para levar a bo porto a reclamación do Pazo de Meirás".

"O que dicimos é que non é moi sensato pedirlle ao Goberno que resolva este tema en dous meses cando este é un asunto xuridicamente complexo e a acción de goberno está moi condicionada por un informe previo do Goberno de Rajoy que di que non hai base xurídica para reclamar o Pazo de Meirás", apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta