O PPdeG métese de cheo nas primarias de Podemos Galicia e sucede isto...

Un chío dos 'populares' contra Carolina Bescansa e Antón Gómez-Reino, durante o Debate do Estado da Autonomía, recibe unha ocorrente resposta en Twitter.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/10/2018 | Actualizada ás 11:51

Comparte esta noticia

A irrupción de Carolina Bescansa na area política galega non só ten preocupado a Antón Gómez-Reino na súa carreira cara a secretaría xeral de Podemos Galicia, que disputa coa deputada compostelá de Podemos no Congreso. O PPdeG decidiu meterse de cheo e enlamarse no proceso de primarias dos morados. Até o punto de centrar o foco nestes dous políticos durante o Debate do Estado da Autonomía.

Mensaxe do PPdeG durante o Debate do Estado da Autonomía e resposta enviada por un usuario
Mensaxe do PPdeG durante o Debate do Estado da Autonomía e resposta enviada por un usuario | Fonte: GC.

Á vez que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendía as súas políticas na tribuna de oradores do Parlamento galego —e no seu Twitter (coa axuda do seu community manager)—, o Partido Popular de Galicia miraba cara outro lado, máis alonxado, a tribuna de convidados, onde, entre outros persoeiros, se atopaban os dous candidatos a liderar Podemos Galicia os próximos anos.

Cautivados pola presenza de Bescansa e Gómez-Reino, desde o PPdeG dedicáronse a tomarlles fotografías até dar coa imaxe propagandisticamente perfecta: os dous, separados, mirando ao mesmo tempo os seus teléfonos móbiles. O PP xa tiña o que buscaba para facer chanzas. E isto foi o que publicaron no seu Twitter: "@CBescansa e @AntonGomezReino no #DEAGalicia18. Opción 1: están a insultarse por Twitter. Opción 2: están a insultarse por Telegram. Opción 3: están a insultarse por a [sic] saber que outra aplicación. Opción 4: toman nota do discurso de @FeijooGalicia para aprender de xestión pública".

Aposta arriscada a do community manager do PPdeG por meterse onde non o chaman. E, claro, aconteceu algo agardable por case calquera, agás polos responsables de redes do partido conservador: emerxeu a famosa foto de Feijóo co seu ex-amigo e narcotraficante Marcial Dorado. Con esa xa icónica imaxe da Galicia do PP da década de 1990, o usuario @Sergio04750484 respondeu, con máis sorna, aos 'populares': "@FeijooGalicia gústalle darse paseos pola ría cos seus amigos: 1-Estarán a falar da peaxe da AP-9? 2-Estarán a falar de facer un cameo nunha coñecida serie de @antena3com? 3-Estarán dandose cremita? 4-Estarán a pechar negocios?".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta