Temas: A CORUñA PORTOS

Portos avisa de que a condonación da débeda á Coruña non é compatible nin coa lei estatal nin coa norma europea

Avoga por medidas que garantan "a sustentabilidade económica" da Autoridade Portuaria coruñesa.

Por E.P. | A CORUÑA | 10/10/2018 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

Portos do Estado avoga por medidas que garantan "a sustentabilidade económica" da Autoridade Porturia da Coruña, e afirma, sobre a condonación da débeda contraída pola execución da dársena exterior, que non é "compatible" nin coa lei estatal nin coa normativa europea.

Cruceiros no Porto da Coruña
Cruceiros no Porto da Coruña

Segundo informa o Ministerio de Fomento, a presidenta de Portos do Estado, Ornella Chacón, e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Enrique Losada, mantiveron unha reunión de traballo "co obxectivo de revisar as principais cuestións que afectan" o porto coruñés.

Durante a mesma, Enrique Losada transmitiu que a construción do porto exterior de Punta Langosteira iniciouse en 2005 cun esquema financeiro vinculado desde ese momento "á obtención de recursos mediante a desafectación de terreos no porto interior".

Con esta previsión traballouse até o momento nas programacións económicas acordadas entre Portos do Estado e a Autoridade Portuaria, "aínda que ambos os responsables se comprometeron a analizar se, no momento actual, o alleamento de activos debe continuar sendo a garantía, ou se pola contra resulta necesario atopar novas fórmulas que garantan a viabilidade da Autoridade Portuaria", explica o comunicado.

CONDONACIÓN DA DÉBEDA

Sobre a reunión, informa que Ornella Chacón trasladou que a condonación da débeda "non é compatible nin coa lei estatal nin coa normativa europea, o que non impide que se articulen outras medidas alternativas que garantan a sustentabilidade económica da Autoridade Portuaria".

Neste sentido, explica que Enrique Losada presentou algunhas alternativas "que deberían ser valoradas por diversas Administracións do Estado, lembrando ademais o compromiso da Xunta de Galicia para manter a titularidade pública da Solaina e os peiraos de Batería e Calvo Sotelo".

Igualmente, a presidenta de Portos do Estado comprometeuse a solicitar reunión ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para impulsar a conexión ferroviaria ás instalacións de Punta Langosteira, "procurando que a obra non supoña unha nova carga financeira para a Autoridade Portuaria", sinala no comunicado.

Temas: A CORUñA PORTOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta