Azulescurocasenegro

O presidente Rodríguez Zapatero chegaba onte á sede do PSOE na madrileña rúa Ferraz nun coche de color tan negra como a noite ía ser para os socialistas.

Por Diego E. Barros | Santiago | 23/05/2011

Comparte esta noticia

Fíxoo acompañado do conselleiro de Telefónica, Javier de Paz. Hai quen se preguntou en calidade de qué, de Paz, estaba tan cerca do líder no seu outono. Moitos, os mal pensados, interpretaron esa chegada como un presaxio: perdida a batalla, ao líder no lle queda outra que o exilio e a multinacional das telecomunicacións é máis que un retiro dourado. Pero todo ten a súa explicación e esta resultou moito máis prosaica que ver ao leonés maleta en man en Barajas rumbo a un exilio incierto. De Paz é home da casa, antiguo dirixente das Xuventudes Socialistas e conselleiro a proposta do PSOE.
Salíu Zapatero ante os leóns cando non estaba previsto. E o fixo seguindo o guión da autoinmolación que comezara a poñer en práctica o 9 de mayo do año pasado cando os teléfonos da Moncloa non pararon de soar ante a ameaza de ou reformas ou rescate. Zapatero elixíu a primera “custe o que me custe” e onte víuse que a primeira peaxe resultou moi cara. Non fixo falla que Fran P. utilizara su afiada pluma: só tirou da historia: "en el día de hoy, cautivo y desarmado el Ejército Rojo han alcanzado las tropas Nacionales sus últimos objetivos militares. La guerra ha terminado..." E o de onte resultou ser só o principio.

A uns centos de metros, Génova era unha festa, sen tendas de acampada pero chea de catequistas tan emocionados como se o Papa fora sair ao balcón para lanzar a súa benzón a toda a prole congregada. Mariano Rajoy, tan exultante como o pode estar un tipo carente da máis mínima empatía social, saudaba ás barras bravas do partido. As mesmas que facía uns anos pediran, no mesmo sitio, a súa cabeza ao berro soterrado de maricomplejines, onte bailaban a ritmo de Shakira, que até parecía que a copa dourada ía facer acto de presencia en calquera momento sostida por Esperanza. O de Pontevedra é un desos políticos con especial querencia a soltar frases para a historia aínda que a historia, en ocasións, acabe por estoubarlle nos fuciños. Onte non foi excepción e entre a euforia xeral articulou unhas palabras que ben poderían servirlle de epitafio: “Yo mañana me voy a poner a trabajar”. Estes ramalazos de sinceridade é o que fai de Rajoy o vivo exemplo do que máis lle gusta: a xente normal e corrente, no caso de que exista. A celebración era tanta que a falta dun “viva el vino”, Mariano pareceu, nun momento tirar de hemeroteca y, como un leonés aló polo lonxano 2004, víuse arriba: "Les aseguro que no se van a arrepentir nunca”, dixo amarrado á barandilla e flanqueado por Abott y Costello, que deixaron os recelos e as miradas para unha mellor ocasión. A máis de un a pe de rúa se lle conxelou o sangue. Se toda promesa é difícil de manter, hai algunhas que implican una soga ao pescozo de quen as fai. En Génova o futuro está despexado e a larga marcha cara a Moncloa parece que está a tiro de pedra. Entre tanta euforia haberá que ver agora se os populares son capaces de seguir instalados nese perfil baixo do quefixceron gala até o momento. Sin comunicar plan de goberno algún van camiño de gobernar. Por qué dicir hoxe o que xa verás mañán. Ninguén pide contas. É posible que cando espertemos do soño, o fagamos a golpes.

Política ficción e excepcionalidade municipal

Un rápido análisis dos resultados da noite electoral do 22-M arroxan unha serie de titulares que ben poderían ser encadrados na categoría de política ficción, que non deixa de ser outra cousa que cualquiera futurible electoral. Unha vitoria do PP nas eleccións xenerais previstas para o ano próximo semella segura. Resta só saber por canto. Non é esta unha conclusión infalible xa que as hemerotecas están para ser consultadas e fai catro anos, o PP xa superara en votos ao PSOE nas municipais para despois perder as xenerais. Acontece que agora a distancia dos azuis sobre vermellos é moito maior o que a fai diícil de revertir. Cos resultados na man el PP se situaría a 13 escanos da maioría absoluta no Congreso, con 164 diputados, segundo algunhas análises. O afundimento  do PSOE sería tal que a derrota de Almunia en 2000 pasaría a ser considerada unha anédota e o arco parlamentario sería testigo da entrada de partidos minoritarios, algúns tan saudables como a ultradereita catalana. Ás veces, a democracia acaba por estouparnos na cara.

É certo que o de onte foron unhas municipais. Pero unhas municipais que deixaron o mapa de España do mesmo color que un Sugus de piña. O que acontece coas municipais de onte é que a) o bipartidismo xa non é un problema e b) o de que a Moncloa resista até marzo do ano próximo vai ser tan difícil como o de aquela aldea gala rodeada de campamentos romanos coa salvedade de que aquí non hai pócimas que vaian. Para o optimismo, a análises que onte mesmo me facía un socialista: o máis positivo de levarte un golpe desta categoría é que o golpe xa o levaches polo que só te queda reponerte a sabendas de que o dolor non vai ir xa a peor. O da militancia é algo moi parecido á fe, por eso hai quen cree no PSOE que, se ben nun ano mantener a presidencia es máis que unha quimera, o castigo infxinxido onte fará que os descontentos (“os nosos”) impidan unha maioría absoluta do PP. Ninguén dubida que en ciertos sectores, a sola mención dos anos do bigote inefable segue sendo suficiente para montala.

O último de Filipinas xa levantou a voz para demostrar que lle vai a marcha. Ante a ameaza de suicidio colectivo, é o cadáver o único capaz de manter a cabeza fría. Rodríguez Zapatero ten, polo menos, dúas razóns para evitar o adianto electoral. A primeira é de simple sentido común e onte deixouna clara: quedan pendentes de aprobar algunhas reformas contra a crisis polo que non se pode permitir o luxo, cós tabeiróns cheirando o sangue, de abrir un paréntesis para unas eleccións que suponrían uns dous ou tres meses de impasse. A outra é puramente visceral e polo tanto gardouna para si: o PSOE precisa tomar aire e, como os exércitos derrotados tras unha primeira batalla, reorganizarse para un novo choque da guerra. É preciso que o resultado do domingo sevaia diluíndo na memoria dos peces dos españois antes de que teñan unha papeleta a tiro novamente. Polo demáis, a ninguén se lle escapa que o PSOE afronta agora unha loita fratricida e naide como os socialistas para esfolarse en guerras civiles. Chacón permaneceu onte (como en toda a lexislatura) desaparecida en combate. Rubalcaba exerceu de ministro pero a súa calva e as súas olleiras medraron superficie a medida que as computadoras cuspían porcentaxes de voto. A ver quen é o valente que se atreve a coller unha nave cuxo rumbo semella inalterable cara o cantil.

Agora trátase de ver cómo o PP, co abano de poder máis grande da súa historia nas mans, xestiona a bicha que todo o mundo eludíu durante a campaña: o groso da débeda española está precisamente nas administracións que onte estaban en liza. O PP vai ter que poñer en práctica agora a repetida teoría da austeridade. Cando a tesoira se convirta en realidade tanxible vía funcionariado y servicios básicos (sanidade e educación) veremos cal é a resposta dunha sociedade que non sentira aínda o máis duro da crise. As comunidades non tiveron aínda a súa noite dos cristais rachados, a mesma que sufríu Zapatero aquel 9 de maio. Daquela, o presidente convertírase no “bellaco” que denuncia e acometeu o maior recorte do gasto público da democracia española. E o fixo defraudando aos que o auparan á Moncloa, moitos dos que onte mesmo llo recordaron.

Sin noticias da Esquerda

Os resultados de onte volveron certificar que á esquerda do PSOE (si é que o PSOE segue sendo esquerda) aínda vai moito frío. Cayo Lara seguía esta mañán insistindo no que, a adía de hoxe é unha batalla perdida polo complicado que é de trasladar a un electorado. A Ser volveu reclamar un cambio na Ley Electoral situando agora o exemplo en Castela-A Mancha, donde a esquerda tovo máis votos pero gañou a dereita. Porén, un escrutinio máis profundo dos resultados non arroxa nada bo para a coalición. Nas municipais, a lei electoral non é tan importante. Co PSOE vítima da masacre e en medio dunha crise sen precedentes, IU só sube pouco máis dun punto: do 5,48% de 2007 ao 6,31% de 2011. O PSOE perdeu un millón e medio de votos, só 200.000 caeron nas redes de IU. É certo que aumentan votantes y concelleiros e que voltan aos parlamentos de Castela-A Mancha e Extremadura (onde serán chaves de Goberno). Pero tamén que perderon o seu emblema: Córdova.

A esperanza chámase Bildu

De  onte hai outra lectura interesante. A medida que se coñecían cifras, algúns comentaristas no disimulaban o seu estupor. Máis escándalo lles causaban os resultados dunha candidatura, até o momento, inmaculada como a de Bildu que os colleitados por moitas máis manchadas pola sombra da corrupción. O exemplo flagrante é Francisco Camps que volveu facer boa unha máxima da política española: só á esquerda lle pasa factura a corrupción nas súas filas, aí está Andalucía. O de Bildu é unha chama de esperanza, a única noticia positiva da noite e a constatación de que o final do terrorismo será político ou non será. Non se pode meter na cadea ao 25% da poboación de Euskadi. A coalición formada por Eusko Alartasuna, Alternatiba e os abertzales converteuse na primeira forza en Guipúzcoa e a segunda en Vizcaya, por enrriba de todas as previsións. É hora de que os pistoleiros tomen nota xa que se repite a historia: o independentismo vasco agradece o silencio das pistolas. O 22-M fortalece aos pragmáticos abertzales frente a unha ETA que sobrevive agochada a duras penas. Agora o nacionalismo é de novo maioría nas institucións e complícase moito a formación de gobernos municipais e forais. O Executivo de Patxi López, da man do PP, ten un futuro incerto.

Este sapo terá que ser compartido pero hai outros que se comerá só o PP. O primeiro servirallo ao propio Rajoy un Francisco Cascos que buscará esquecer a afrenta sufrida fai meses coas cabezas de algúns ex compañeros de partido. Rajoy, como nel  é costume, accederá ás peticións dos seus baróns como rei feudal sabedor da necesidade de contar co apoio de exércitos alleos para manter o trono.
SpanishNorevolution

A excepcionalidade parece terse convertido na norma das eleccións dos últimos años. Onte, de novo unha circunstancia singular empañaba a cita coas urnas. Aínda que, a verdad sexa dita, a súa incidencia apenas se deixou notar máis aló dos titulares. Se, como anunciaban, os partidos non representan aos manifestantes das prazas, cabe supoñer que estes manifestantes acollerán como alleas as institucións que vomitaron as urnas e nas que están presentes a maioría das formacións repudiadas. A pregunta é se se atisba agora unha crise institucional ademáis de social e política. A cousa é ben pouco probable. Máis alá das árbores, o bosque semella claro: por moito titular, os que están acampados nas prazas de España e los que os acompañan a ciertas horas do día seguen sendo unha inmensa minoría. Descontenta sí, pero minoría. A verdadeira protesta comenza ahora. Cando os políticos responsables non teñan excusa para aguantar aos de azul dentro das grilleiras e cando os días sobre a dura pedra e baixo a fría noite comecen a pasar factura. Onte en Génova faltou para reclamar un desaloxo. Nada como o cheiro do sangue para que fervan as masas.

A peor noticia para os acampados son, coma sempre, os números: a participación foi un 2,26% maior que a de 2007, co que o discurso abstencionista foi superado. Os votos en branco e nulos superan en máis de un punto aos emitidos nos comicios anteriores, de 3,09% a 4,23%, segundo datos do Ministerio del Interior. Pouco premio aparente se este era un dos obxectivos. De ser una forza política, brancos e nulos serían a cuarta máis votada, por diante de Convergència i Unió (3,46%), e por detrás de Izquierda Unida (6,31%). En concreto, os votos en branco aumentaron un 0,62% —de 1,92% a 2,45%—, a súa mellor marca na democracia, e os nulos en algo más de medio punto —de 1,17% a 1,69%—. En calquera caso, o chamado Movemento 15-M non supuxo unha desmobilización de votantes. O 66,23% dos eleitores acudíu a votar, frente ao 63,97% rexistrado nos comicios anteriores, o que supón un aumento na participación de 2,26 puntos. La abstención cae do 36,03% ao 33,77%, un dato a ter en conta polas plataformas á fronte das protestas á hora de planificar o futuro camiño a seguir.

Galicia renuncia á súa singularidade (se algunha vez a tivo)

En crave galega, a cousa resultou como se agardaba e o país segue a piñón fixo no camiño iniciado hai dous anos cando o bipartito PSdeG-BNG fora desaloxado de San Caetano. Non existe excepcionalidade galega. Galicia, lamentablemente nunca será como Euskadi e, moito menos Cataluña. E non o será porque non o queeren así os propios galegos, contentos co papel secundario que fai séculos lle foi imposto e que desde entón nos empeñamos en mantener máis aló do recurso ao vitimismo (que enarbola una dereita máis madrileña que nunca) e no mexan por nós e temos que dicir que chove. O nacionalismo aguanta a duras penas e perde cotas de poder en Santiago e A Coruña que por vez primeira caen en mans populares. Máscase un sabor chumbo en Compostela e xa hai quen sospeita que á Nasa lle quedan dous telediarios se Conde Roa cumple a súa ameaza de pechar a sala cultural pola súa filiación filoterrorista. Se a ameaza acaba por cumprirse nunca haberá en Santiago unha excusa mellor para tirarse ás drogras e ao botellón con todas as súas consecuencias.

Pontevedra afiánzase como praza forte nacionalista. O que é unha realidade aparentemente antinatura (Pontevedra é calquera cousa menos unha cidade nacionalista) eríxese na excepción que marca a regra da política errática do Bloque. Non é que o BNG non entenda Galicia, faino perfectamente, acontece que non lle gusta o que ve. Despois veñen os resultados. Lores, enfía a súa cuarta lexislatura sabedor de que o poder ben vale un lavado de cara dogmático. E esto o fixo un tipo da temida U.

O PSdeG... os socialistas galegos seguen confirmando a súa docilidade como axente político en Galicia demostrando o seu baleiro identitario, además de ideolóxico. A perda de A Coruña, máis aló do titular é resposta a unha lóxica natural. Tanto Paco Vázquez como Javier Losada eran accidentes evolutivos. Tan socialistas eran eles como o popular Carlos Negreira que ahora porá as cousas no seu sitio nunha cidade incapaz de ver máis alá dos seus límites municipais e á que esta vez non lle valeu o discurso de Coruña primeiro. Si que lle servíu, e máis que nunca a Vigo, onde Abel Caballero sae reforzado ao colocarse como máximo exponente do viguismo fronte á Galicia cidade única de Núñez Feijóo. Os localismos sempre foron rendibles neste país e agora aproveitouno Caballero ronte a unha Corina Porro impresentable a ningunha campaña electoral. 

O de Ferrol simplemente non ten explicación nunha cidade de natureza esquizoide e con tendencia a voltas electorais cada catro anos. É a dualidade dunha cidade encaixonada entre o uniforme militar e o mono de soldador, que tempo ha, está guindado dunha percha onde non se vexa.  Lugo e Ourense non se moveron conirmando que a Galicia interior ten os seus propios tempos.
Si o fixeron as diputacións que caen todas a mans populares, salvo a de Lugo. Aquí non hai nada de que preocuparse. O PSdeG volverá á coherencia e seguirá sen reclamar a supresión duns organismos inútiles nun xesto de austeridade ben entendida, o que no caso dos socialistas galegos xa é moito que dicir.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Diego Espiña Diego E. Barros (Forcarei, 1979) é xornalista. É licenciado en Filoloxía pola USC e en Xornalismo pola Carlos III de Madrid e ten un master en Estudos Culturais pola Western Michigan University. Anda a voltas cunha a tese doutoral sobre Banda Deseñada e Xornalismo polo que, tras o paso por varios medios galegos, agora só escribe, o que nos tempos que corren, non é pouco.