Denuncian os abusos contra os traballadores que provocan as subcontratas no sector audiovisual

O peche da produtora Pórtico deixa 19 traballadores na rúa.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/10/2018 | Actualizada ás 12:57

Comparte esta noticia

Pórtico Comunicaciones S.L., unha das grandes produtoras galegas, presentou o pasado 12 de outubro un ERE de extinción que deixa 19 traballadores na rúa. Esta empresa chegou a ser unha das grandes produtoras galegas, con 20 anos de historia, responsábel de programas senlleiros subcontratados á TVG como Desde Galicia para el mundo e que chegou a empregar a máis de 30 traballadores. 

Boceto de curso de Pórtico Comunicaciones
Boceto de curso de Pórtico Comunicaciones

Pórtico aduce, nas cartas de despedimento enviadas aos traballadores, causas económicas para o cesamento da actividade, provocadas supostamente por unha excesiva dependencia do capital público, especialmente da CRTVG. 

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia reclamou xa que o peche se realice con total respecto aos seus dereitos laborais. “É sempre unha mala noticia para o ecosistema informativo galego e para o conxunto da profesión, comezando polo propio cadro de persoal da empresa”, indicou nun comunicado. O despedimento e só o último episodio dunha serie de golpes recibidos polo persoal.”Nos últimos meses, producíranse nesta empresa determinadas prácticas que tamén é necesario lamentar”, apuntou o CPXG.

Ao longo do ano 2017, foron presentados dous Expedientes de Regulación Temporal de Emprego, ambos os dous impugnados e rexeitados nos tribunais. Entrementres, adxudicáranselle a unha xornalista, de volta dunha baixa por maternidade, labores de trascrición, sen que, segundo a sentenza que condenou a Pórtico a indemnizala, "se lograra explicar por que o groso das súas funcións se encontraban por baixo da súa capacidade profesional". Un informe de riscos psicosociais, realizado tamén ese mesmo ano, advertía un nivel de exposición ao risco moi elevado en cinco de nove factores psicosociais, ademais de risco moderado noutros dous.

“Lamentabelmente, situacións como estas non son estrañas no ámbito da comunicación. Mais deben facernos reflexionar sobre cal é o grao de vixilancia que os medios poden ou deben exercer sobre as condicións laborais e profesionais nas súas subcontratas”, recolleu a nota do CPXG. Por iso, esta entidade solicita aos medios galegos a implantación de medidas de control que impidan nas subcontratas as malas prácticas laborais que son incompatíbeis co desenvolvemento dun xornalismo libre, plural e ético.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta