A Xunta busca frear a despoboación no rural con axudas a menores de 35 anos para comprar vivendas nestas zonas

As subvencións están dirixidas á compra de vivendas en municipios de menos de 5.000 habitantes. O prazo para a presentación de solicitudes empeza este mércores e estará aberto durante un mes, até o 16 de novembro

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2018 | Actualizada ás 12:47

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia subvencionará con até 10.800 euros a adquisición de vivenda por parte de menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitantes para promover a fixación de mozos no rural. Así consta na resolución que publica este martes o Diario Oficial de Galicia (DOG), pola que se establecen as bases reguladoras da convocatoria e se abre o prazo de presentación de solicitudes desta axuda, incluída no Plan de Vivenda 2018-2021.

Vivendas.
Vivendas.

Segundo explicou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o obxectivo destas axudas é contribuír ao asentamento de mozos nos municipios menos poboados, favorecendo a fixación de poboación nova nas áreas máis rurais de Galicia.

En concreto, a resolución establece que o importe de cada axuda concedida será do 20% do custo de adquisición de vivenda e sempre cun límite máximo de 10.800 euros por beneficiario. O prazo para a presentación de solicitudes empeza o mércores e estará aberto durante un mes, até o 16 de novembro.

MÁIS CONVOCATORIAS

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez destacou que está previsto que estas axudas se convoquen tamén para os anos 2019, 2020 e 2021, cun importe total de case tres millóns de euros: 200.000 euros correspondentes á convocatoria de 2018 e 2.750.000 euros a repartir entre o próximos tres anos.

Poderán acollerse á convocatoria de 2018 os distintos propietarios de vivendas que, reunindo todos os requisitos esixidos na resolución, fosen adquiridas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018. Entre outros requisitos, os solicitantes deben ter menos de 35 anos na data de presentación da solicitude, as vivendas deben estar xa construídas e o seu prezo debe ser igual ou inferior a 100.000 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta