Temas: ENTROIDO

Verín pensa xa no entroido

Aberto xa o prazo para participar no concurso gráfico do ‘cartel oficial do entroido 2019’ e primeiras actividades relacionadas con esta celebración.

Por X.M. Fernández | Verín | 18/10/2018 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

Aínda que o vindeiro entroido non chegará ata finais de febreiro do 2019, Verín empeza xa a organizar actividades e a buscar o cartel oficial deste ano.

Cigarróns de Verín. Fonte: Concello de Verín
Cigarróns de Verín. Fonte: Concello de Verín

O concello vén de facer oficial o concurso para o cartel oficial publicando as bases na súa páxina web e poñendo como data límite de recepción de traballos o día 30 de novembro. Todos os carteis presentados expoñeranse do 1 ao 9 de decembro no Auditorio Municipal de Verín durante o Festival Internacional de Curtametraxes de Verín, Vía XIV.

Así mesmo, o concello mantén aberto ata o 30 deste mes o prazo de admisión de solicitudes para participar nas actividades do “Obradoiro de Cigarrón 2018-2019”.  Este obradoiro vense organizando con especial interese en Verín dende o ano 1997 coa finalidade de que a máscara máis representativa do entroido verinense se manteña dentro duns canons de respecto polas formas tradicionais.

Nesta actividade ensínase a facer todos os elementos do cigarrón agás o pintado da careta e os compoñentes de produción industrial. Este obradoiro serve, ademais, para transmitirlle aos participantes o calzado que harmoniza co traxe, que tipo de chocallos e cantos se deben levar, ou como vestir a máscara e utilizala en público.

Anotarse neste obradoiro ten un custe de inscrición, para todas as actividades a cota é de 95 euros e de facer só o traxe ou a careta, a cota é de 75 euros. Importante tamén indicar que aqueles que queiran confeccionar o traxe teñen que ter coñecementos de confección con máquina e de calceta, e estar dispostos a levar máquina propia ou aprender compartindo máquina industrial.

As actividades formativas indicadas comezarán en novembro na Casa da Xuventude.

Temas: ENTROIDO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta