A minaría, unha actividade en declive en Galicia

As explotacións, os niveis de produción e o emprego caeron nos últimos anos até os niveis máis baixos da actividade mineira en catro décadas. Con todo, Galicia segue sendo líder mundial na produción de lousa e granito ornamentais.

Por Alberto Quian | Madrid | 25/10/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A minaría é unha actividade arraigada en Galicia desde a Prehistoria até os nosos días, chegando a ser un sector puxante da economía galega. Pero nos últimos tempos está en claro declive pola caída da actividade e pola sanción social, xa que cada vez máis a cidadanía é consciente dos danos medioambientais e impactos paisaxísticos das actividades extractivas. A desaparición da minaría enerxética fixo perder peso á actividade mineira en Galicia, o que, xunto á caída da minaría metálica, levou a que a este sector se centre hoxe en día en materiais ligados fundamentalmente a actividades da construción.

Pintada contra a Mina en Corcoesto
Pintada contra a Mina en Corcoesto | Fonte: Miguel Nuñez

Investigadores dos departamentos de Economía Cuantitativa e Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentan estas conclusións nun estudo sobre a evolución dos recursos enerxéticos e mineiros en Galicia. Neste, mostran datos da actvidade mineira no país nas últimas catro décadas que evidencian que está en claro retroceso nos últimos anos.

A produción mineira caeu un 48% na última decada, pasando de 485,2 millóns de euros en 2005, a 251,9 en 2015 (a cifra máis baixa en tres décadas).

Co obxectivo de concretar a dinámica dos recursos mineiros en Galicia desde o ano 1975, os economistas da USC desenvolveron unha investigación baseada en datos que evidencian como tras o cénit acadado en 2005, con 392 explotacións mineiras repartidas por todo o país, o número de minas caeu estrepitosamente, até 252 en 2015, a cifra máis baixa en catro décadas (en 1975 eran 315).

Este retroceso refíctese tamén na produción e volume de negocio, que caeu nada menos que un 48% na última década, pasando do seu máximo de 485,2 millóns de euros en 2005, a 251,9 en 2015 (a cifra máis baixa en tres décadas).

Operarios de Atalaya Mining, empresa que quere reabrir a polémica mina de Touro e O Pino.
Operarios de Atalaya Mining, empresa que quere reabrir a polémica mina de Touro e O Pino.

O emprego está tamén en mínimos históricos desde 1975. O máximo acadouse a mediados da década de 1980, cuns 7.000 postos de traballo, mais en 2015 só eran 3.368 os empregados na minaría en Galicia, a cifra máis baixa desta serie histórica.

Malia este decrecemento, as minas galegas teñen agora un peso porcentual maior no conxunto da rede de minas do Estado (representan o 9% do total de explotacións) que o que tiñan en 1975 (7,1%). É dicir, no resto de España a actividade mineira caeu máis que en Galicia. En concreto, no conxunto do Estado as explotacións mineiras pasaron nestas catro décadas de 4.436 a 2.853, o que representa unha caída do 35,7%, fronte o 18,9% en Galicia.

"No contexto de España, Galicia mantivo unha porcentaxe de participación no número de explotacións mineiras en torno ao 9%, en torno ao 12% no emprego e no valor da produción (aínda que cunha caída importante neste último en 2015). No que si mantén Galicia unha importancia relativa maior (en torno ao 17% do total) é no subsector dos produtos de canteira pola importancia da lousa e granito", describen os expertos.

"O sector foi perdendo progresivamente importancia relativa seguindo a dinámica do peche de explotacións (primeiro no ámbito da minaría metálica e máis tarde na minaría enerxética)", engaden os economistas.

"Só os minerais industriais e os produtos de canteira son os que posibilitan que Galicia siga mantendo unha posición importante no sector mineiro español".

O declive obsérvase con claridade na última década: en 2005, a minaría galega representaba, respectivamente, máis do 12% e 14% do valor da produción e emprego da minaría española, mais en 2015 pasou a representar algo máis do 8% e do 11%, respectivamente. Un comportamento que se enmarca nun contexto no que a minaría en España segue unha tendencia claramente regresiva.

Neste escenario, "só os minerais industriais e os produtos de canteira son os que posibilitan que Galicia siga mantendo unha posición importante no sector mineiro español (cuarto lugar en valor da produción", subliñan os expertos, que destacan tamén que "na produción de lousa e granito ornamentais Galicia segue a manter o primeiro posto a nivel mundial". 

MINARÍA ENERXÉTICA

O estudo destaca que na minaría enerxética só existía unha explotación en 1975, a mina de ignito pardo das Pontes de García Rodríguez –inaugurada en 1949–, a cal empregaba por entón a 359 traballadores e o valor da súa produción se estima, naqueñ ano (1975) en 1,3 millóns de euros.

En 1980 abriuse unha segunda mina de lignito pardo, a de Meirama (Cerceda). En 1985, entre esta e das Pontes de García Rodríguez a minaría enerxética daba emprego a máis de 2.000 traballadores en Galicia e a valoración da súa produción estímase, daquela, en máis de 190 millóns de euros.

Entre 1975 e 2007, as dúas únicas explotacións de minaría enerxética en Galicia extraeron uns 350 millóns de toneladas de lignito pardo, altamente contaminante.

A partir de 1985 e na década de 1990, ambas as explotacións mantiveron un elevado nivel de actividade, pero xa en 2005 a estatística recolle un importante declive (só se rexistran 662 empregos); as dúas explotacións pecharon en 2007 polas esixencias medioambientais (eran altamente contaminantes) e polo seu esgotamento.

Naquel último ano de actividade rexistrouse unha extracción de 6,2 millóns de toneladas. No período 1975-2007, das dúas explotacións foron extraídos uns 350 millóns de toneladas de lignito pardo (uns 11 millóns de toneladas por ano, de media), un dos peores tipos de carbón vexetal empregados para producir electricidade, cunha capacidade de contaminación inasumible.

MINARÍA METÁLICA E NON METÁLICA

A minaría metálica mantivo a súa presenza en Galicia ate 1985, cando había abertas unha explotación de cobre –a de Touro e O Pino, que agora pretende reabrir a multinacional Atalaya Mining, coa oposición de veciños, ecoloxistas e sectores da pesca e o agro–, tres de estaño-volframio e unha de chumbo-zinc. Aquel ano, as explotacións mineiras de metais xeraban unha produción de case 50 millóns de euros e daban emprego a máis de mil traballadores.

Pero coa caída na cotización destes metais, e o estado de esgotamento das explotacións, estas minas fóronse pechando e o abandono total da extracción consumouse na década de 1990.

Os economistas da USC destacan a minaría non metálica —constituída en Galicia principalmente polas extraccións de caolín, cuarzo, feldespatos, magnesitas e turbas— como a que mantén unha maior estabilidade no tempo.

Aínda que se produciu unha caída importante na súa actividade a principios dos anos oitenta, en relación á década anterior, a partir de 1985 se consolidou unha estabilidade no emprego en torno aos 300 empregos e no valor da produción entre os 30-40 millóns de euros.

Os produtos de canteira supoñen máis do 80% do valor da produción total e representan máis do 90% do emprego mineiro actual.

PRODUTOS DE CANTEIRA

Os produtos de canteira foron desde principios da década de 1970 os que tiveron maior importancia no sector mineiro galego, e cada vez con unha relevancia maior, ata supoñer en 2015 máis do 80% do valor da produción total e representar máis do 90% do emprego mineiro no país.

Neste subsector, as producións máis importantes son as da lousa e granito, nas que Galicia é a primeira potencia mundial.

MINARÍA NA ACTUALIDADE  E RESERVAS

Cales son os produtos mineiros que se están a extraer na actualidade en Galicia? O que se extrae principalmente son produtos de canteira (lousa e granito, como xa destacamos) e minerais non metálicos (basicamente os minerais industriais cuarzo e caolín). 

O potencial mineiro de Galicia, medido pola dispoñibilidade de reservas de minerais, céntrase nos produtos de canteira (principalmente peridotitas e serpentinas, lousa e granito) e minerais non metálicos (cuarzo, feldespato e caolín). 

HISTORIA MINEIRA

A importancia dos recursos mineiros en Galicia xa eran máis que evidentes na Idade de Pedra e aumentou espectacularmente coa chegada dos romanos, hai dous mil anos, que fixeron de Galicia un “coto mineiro” de grande importancia para o Imperio. 

Os economistas salientan tamén o papel que xogou a minería no impulso das vías de comunicación relevantes en Galicia. "Ouro, prata, ferro, cobre, estaño, chumbo..., ata as chamadas hoxe «rochas ornamentais» adquiren unha utilidade fundamental na construción de pontes, calzadas, faros, urbanizacións...", expoñen.

A minaría galega foi fundamental para a industria armamentística nazi durante a Segunda Guerra Mundial.

Xa na Idade Moderna, e no contexto das dúas guerras mundiais do século XX, as minas galegas de volframio e estaño foron reorientadas cara o subministro bélico. De Carballo, Santa Comba, Fontao e Noia saíu, por exemplo, o volframio que utilizaron os nazis para a súa industria armamentística durante a Segunda Guerra Mundial (como contrapartida, España recibía ouro xudeu).

Pero "condicións de mercado, nacemento de novas aplicacións para os minerais, estado das explotacións existentes, calidade e rendibilidade dos mesmos..., entre outros factores determinantes", levaron durante o século XX a un "cambio profundo no panorama mineiro" en Galicia. "Este cambio concretouse nunha redución moi importante da actividade na «minería tradicional» (ouro, prata, ferro, volframio...) e un incremento moi relevante do que se deu en chamar «nova minería», representada basicamente polas producións de rochas ornamentais (granito e lousa) e minerais industriais (cuarzo, caolín, magnesita...)", detallan os autores do estudo.

O traballo, titulado 'Recursos enerxéticos e mineiros', vén de publicarse no último número da Revista Galega de Economía e está asinado por Xosé Antón Rodríguez González, Xoán Ramón Doldán García e Rosa M. Regueiro Ferreira.

Reservas de minerais en Galicia
Reservas de minerais en Galicia | Fonte: 'Recursos enerxéticos e mineiro', Revista Galega de Economía Vol. 27-3 (2018
Minerais que se extraen en Galicia
Minerais que se extraen en Galicia | Fonte: 'Recursos enerxéticos e mineiro', Revista Galega de Economía Vol. 27-3 (2018
Evolución do emprego mineiro en Galicia
Evolución do emprego mineiro en Galicia | Fonte: 'Recursos enerxéticos e mineiro', Revista Galega de Economía Vol. 27-3 (2018
Evolución da produción minería en Galicia
Evolución da produción minería en Galicia | Fonte: 'Recursos enerxéticos e mineiro', Revista Galega de Economía Vol. 27-3 (2018
Evolución das explotacións mineiras en Galicia
Evolución das explotacións mineiras en Galicia | Fonte: 'Recursos enerxéticos e mineiro', Revista Galega de Economía Vol. 27-3 (2018
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta