Temas: FRASEOLOXíA

Expresións galegas equivalentes á castelá “marchar # escapar # huir... como alma que lleva el diablo” (2ª parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 28/10/2018 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

Rematamos hoxe con aquelas expresións que se empregan en contextos en que se dá a entender que alguén marcha a toda a présa dun sitio, nomeadamente para evitar algunha situación comprometida ou apurada, e que basicamente se viñan a corresponder coa castelá marchar # escapar # huir... como alma que lleva el diablo, ou mesmo tamén tomar las de Villadiego:

Ilustración da Santa Compaña
Ilustración da Santa Compaña | Fonte: wikipedia

Marchar # Escapar # Huir... como alma que lleva el diablo

{= Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar… dun lugar, ou de alguén, o máis á presa que se pode.}

Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... a fume de carozo

Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... a lume de biqueira

Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... a lume de carozo

Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... sen pedir pan para o camiño

Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... deixando terra para nabos

● Tamén:

Marchar # Escapar # Huir... a toda leche # a toda pastilla # a todo gas # a todo tren # a toda máquina # a toda castaña # a toda mecha # a escape && Marchar # Escapar # Huir... a toda prisa # a toda velocidad && Marchar # Escapar # Huir... pitando && Marchar # Escapar # Huir... como un rayo && Marchar # Escapar # Huir... lanzado

Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... á queima # a escape # a toda en banda # a toda chispa # a toda leña # a tiro de escopeta # a todo filispín # na brasa # a toda mecha # a toda (a) forza # á toda # a todo gas # a todo tren # a toda máquina && Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... a toda (a) présa # á toda présa # a toda (a) velocidade && Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... pitando # botando chispas && Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... coma un foguete # coma un fogo # coma unha chispa # coma un raio # coma un lóstrego && Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... mangado # fogueteado # embalado # enfrechado # lanzado

● Tamén:

Marchar # Escapar # Huir... a todo correr # a todo meter && Marchar # Escapar # Huir... a todo trapo

Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... a todo correr # a todo dar # a máis non dar # a todo meter # á(s) carreira(s) # a carreira aberta # a patacón por cuarta && Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... a todo trapo # a todo pano

● Tamén:

Marchar # Escapar # Huir... a cien (por hora) # a mil (por hora)

Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... a cen (por hora) # a mil (por hora)

● Tamén, coa correspondente variación temporal e de conxugación persoal en función das necesidades de cada contexto:

Marchar # Escapar # Huir... corriendo que se mata [que me mato, que te matas...] # que se las pela [que me las pelo, que te las pelas...]

Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... correndo que se mata [que me mato, que te matas...] # correndo que rabia/arrabea [rabio/arrabeo, rabias/arrabeas...] # correndo que perde [perdo, perdes...] os pés a correr

Ex.: Así que cuando viste el asesinato escapaste de allí corriendo que te matabas, ¡¿eh?!

Así que cando viches o asasinato liscaches de alí correndo que te matabas, ¡¿eh?! correndo que rabiabas, ¡¿eh?! correndo que arrabeabas, ¡¿eh?! correndo que perdías os pés a correr, ¡¿eh?!

● Tamén, nesta mesma liña, só en certos contextos e formando sempre enunciado de seu:

¡Pies para qué os quiero!

¡Pés # Pernas # Patas para que vos quero! && ¡Pés # Pernas # Patas para que vos teño! && [E MESMO, EN CONTEXTOS NOS QUE SE DÁ A ENTENDER QUE ESTAMOS ANTE UNHA SITUACIÓN APURADA ANTE A QUE SÓ CABE LISCAR OU ESCAPAR]: ¡Arriba, pés e zancas, que neste mundo non hai máis ca trampas! && ¡Arriba, pernas, arriba, zancas, que neste mundo todo son trampas! && ¡Avante, pernas, avante, zancas, que neste mundo todo son trampas!  && [E INDA TAMÉN, NUNHA LIÑA SEMELLANTE, MAIS SOBRE TODO DANDO A ENTENDER QUE HOUBO QUE FUXIR DUN PERIGO DÁNDOLLE Ó ZOCO]: ¡Meus peciños, meus pezáns, se non forades vós, comíanme os cans!


Ex.: Y cuando se percató de que el director había huido y lo había dejado a él al frente del negocio con todo el embolado encima, se dijo: “¡Pies para qué os quiero!”.

E cando se decatou de que o director fuxira e o deixara a el á fronte do negocio con todo o sarillo enriba, dixo para si: “¡Pés para que vos quero!” “¡Pernas para que vos teño!” “¡Arriba, pernas, arriba, zancas, que neste mundo todo son trampas!”.

● Tamén, probablemente asociadas a contextos de uso máis coloquiais e familiares, e mesmo vulgares:

Marchar # Escapar # Huir... a toda hostia && Marchar # Escapar # Huir... cagando leches # cagando virutas && (Marchar # Escapar # Huir... que) Perder el culo

Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... a toda (a) hostia # á toda hostia && Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... cagando chispas # cagando mistos && Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... coma o peido do cu # coma se lle metesen un pau polo cu arriba && (Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... que) Perder o cu # Perder o cu correndo

● Así mesmo, en certos contextos en que se vai nun vehículo motorizado con rodas:

Marchar # Escapar # Huir... quemando goma

Marchar # Escapar # Fuxir # Liscar... na goma # queimando goma

Ex.: Se compró una moto de ochocientos y anda por el pueblo quemando goma.

Comprou unha moto de oitocentos e anda pola vila adiante na goma queimando goma.

NOTAS:

1. A locución na brasa, normalmente usada como complemento do verbo andar (andar na brasa) tamén se utiliza para indicar que alguén anda a cen, que anda moi revolucionado, que anda que racha con todo ou mesmo que anda un tanto pasado de voltas, e sería equivalente a andar na queima. Exs.:

Este verán teu curmán anda seguido na brasa # na queima, ¡eh!, que eu cada vez que o vexo está cunha lascarda de moito coidado.

Oíches, meu, reláxate un pouco, que para a miña idea que ultimamente andas moito na queima # na brasa e que xa estás desfasando de máis.

2. A voz filispín é moi probable que teña a súa orixe na locución inglesa at full speed (=a toda velocidade, a todo meter).

3. Imos seguidamente dar un pequeno repaso a léxico que pode resultar dubidoso para certos lectores (naqueles casos en que tiramos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):

Chispa (DRAG): substantivo feminino 1. Partícula incandescente que salta dun corpo que se está queimando. Botou unha rama de loureiro no lume que facía chispas. Confróntese: charamela, charamona, charamusca, charamuza, chareta, faísca, moxena, muxica. 2. Partícula incandescente que salta dun corpo que é golpeado ou rozado por outro. Saltaban chispas da pedra de afiar. Sinón.: faísca. 3. Descarga eléctrica que se pode producir cando hai tormenta e que se realiza a través do aire, entre dúas nubes ou entre dúas nubes e a terra. Unha chispa tronzou a árbore. Houbo chispas e tronos. Sinón.: raio. Confróntese: alustro, relampo. 4. Desprendemento de luz e enerxía producido polo contacto de dous condutores eléctricos ou polo choque de dúas correntes eléctricas opostas. O transformador empezou a botar chispas. Sinón.: chispazo. 5. coloquial Agudeza de enxeño. Carlos tiña moita chispa, e daba gusta escoitalo, mesmo cando discutía con alguén. 6. coloquial Intoxicación etílica que produce un estado de alegría ou euforia. Saíron cantando da taberna, xa levaban unha boa chispa. [A ACEPCIÓN CORRESPONDENTE ÁS LOCUCIÓNS RECOLLEITAS NO PRESENTE ARTIGO ENTENDEMOS QUE É A TERCEIRA.]

Avante (DRAG): adverbio 1. Marítimo En dirección á fronte. Seguiron avante unhas vinte millas. Sinón.: adiante. // interxección 2. Marítimo Indica que obrigatoriamente hai que ir en dirección á fronte. Avante! Remade forte! [INDA QUE SE TRATE DUNHA VOZ CON ORIXE NO EIDO MARÍTIMO, TAMÉN SE EMPREGA FÓRA DESTE, COMA NO CASO –ENTRE OUTROS– DA PAREMIA RECOLLEITA NO PRESENTE ARTIGO.]

Zanca (DRAG): substantivo feminino 1. Parte longa e sen plumas da pata dalgunhas aves. As cegoñas teñen zancas longas e delgadas. 2. por extensión Perna longa e delgada. Con esas zancas que tes, calquera che bota unha carreira. Sinón: candeeiro.

Misto (DRAG): substantivo masculino Variña moi pequena de madeira ou de papel cuberto de cera, cunha cabeza de material inflamable que arde ao fretala contra unha superficie. Unha caixa de mistos. Por precaución, hai que apagar os mistos antes de tiralos. [CORRESPÓNDESE CO CASTELÁN CERILLA OU MIXTO.]

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: http://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas (1985). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”. En Estudos de Lingüística Galega, 2, 2010, páxs. 221-233. Instituto da Lingua Galega.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Dicionario castelán-galego. Ano 2004. Directores: Constantino García, Manuel González González.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta