O Goberno entende que hai base "para unha causa" contra os Franco para recuperar o Pazo de Meirás

O ministro de Cultura di que o Executivo está estudando o informe realizado pola comisión de expertos promovida polo Parlamento galego.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/10/2018 | Actualizada ás 20:49

Comparte esta noticia

O ministro de Cultura e Deporte, José Guirao, sinalou este mércores que o Goberno estuda o informe realizado pola comisión de expertos promovida polo Parlamento galego sobre o Pazo de Meirás, propiedade actualmente da familia Franco, e no caso de que haxa causa, verá como se canaliza.

Pazo De Meirás. EUROPA PRESS - Archivo
Pazo De Meirás. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

Após a súa reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, Guirao evitou valorar o ditame dos expertos até estudalo, aínda que engadiu que entende que hai base "para unha causa" polo que opina o presidente Feijóo.

Pola súa banda, o presidente galego sinalou que é oportuno que o Goberno de Sánchez "estude a proposta do Parlamento" para a "recuperación do Pazo" de Meirás, de modo que pase a formar parte do patrimonio do Estado.

Así, subliñou que "hai causa para exercer unha acción de reivindicación da propiedade", e que debe ir en "beneficio do patrimonio do Estado para uso e goce dos galegos e das persoas do Estado" que desexen visitalo.

"FORZA DE USO"

A comisión de expertos sobre o Pazo de Meirás promovida polo Parlamento de Galicia propón a incorporación do inmoble ao dominio público pola vía da "forza de uso" como inmoble de Estado.

No relatorio do informe do comité presidido por Núñez Seixas traballaron o profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Emilio Grandío Seoane e o de Dereito Civil da Universidade da Coruña José Manuel Busto Lago. Formado por 11 membros do mundo académico, xurídico e patrimonial, constituíuse a finais de novembro de 2017.

As Torres de Meirás, inmoble ao que despois se lle engadiron outras leiras expropiadas polas que algunhas se documentou que nunca se pagaron, nunca foi de titularidade pública. O edificio pasou da familia Pardo Bazán a Francisco Franco como particular, despois de que unha comisión, da que formaban parte sublevados do réxime, solicitase o diñeiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta