Caen as vendas de coche en outubro

Baixaron case un 2%, aínda que acumulan un incremento do 11,26% no que vai de ano. A Coruña anótase 1.465 matriculacións e séguelle Pontevedra, con 1.175 operacións.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/11/2018 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

As vendas de coches rexistraron un descenso do 1,47% en outubro deste ano en Galicia en comparación co mesmo mes do exercicio anterior, até situar o total en 3.544, segundo os datos de Faconauto. Con todo, as matriculacións de vehículos acumulan un incremento no que vai de ano do 11,26%, se se compara o dez primeiros meses de 2018 con igual período de 2017, de modo que xa van 38.682 operacións.

Vendas de coches en outubro en Galicia. EPDATA
Vendas de coches en outubro en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

Por provincias, A Coruña anotouse 1.465 vendas en outubro e suma un total de 16.601 no que vai de exercicio. Seguiulle Pontevedra, con 1.175 no décimo mes do ano e 12.248 de xaneiro a outubro. Pola súa banda, Lugo vendeu 492 coches (5.497 no que vai de 2018) e Ourense 412 (4.336 até outubro).

No conxunto estatal, as matriculacións de turismos e todoterreos rexistraron un volume de 88.410 unidades durante o pasado mes de outubro, o que representa un descenso do 6,6% en comparación co mesmo mes do ano anterior

Este mes de outubro contou cun día laborable máis que o ano pasado. A pesar deste día máis de entregas, o mercado aínda está a se axustar após o adiantamento das compras que provocou a entrada en vigor o pasado 1 de setembro da nova normativa de medición de emisións WLTP. Os meses de xullo e, sobre todo, agosto rexistraron incrementos moi elevados das matriculacións que agora se están equilibrando, destacan as principais patronais españolas do sector da automoción.

O DIÉSEL SEGUE POR DETRÁS

Doutra banda, o diésel continuou por detrás da gasolina en outubro e no que vai de ano. Así, o mes pasado, o 58,5% das entregas correspondeu a modelos de gasolina, fronte ao 32,8% dos diésel e ao 8,7% dos híbridos e eléctricos.

Até outubro, o 57,1% dos turismos e dos todoterreos tiña un motor de gasolina, fronte ao 36,6% dos modelos diésel. Os híbridos e eléctricos coparon o 6,4% das entregas. Por canles, as vendas a empresas pecharon o décimo mes do ano cun volume de 30.670 unidades, o que supón unha caída do 9%, mentres que no acumulado do ano as entregas corporativas alcanzaron 356.826 unidades, un 16,9% máis.

Pola súa banda, os clientes particulares adquiriron 52.751 automóbiles o mes pasado, un 3,1% menos, e 516.569 unidades no que vai de 2018, mentres que as empresas alquiladoras compraron 4.989 unidades o mes pasado, un 23,4% menos, e 205.915 unidades desde xaneiro, un 7,2% máis.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta