Novos usos das algas invasoras de Galicia e Portugal poderían revolucionar a industria farmacéutica

Científicos europeos están a estudar as propiedades destas algas para desenvolver novos produtos para a industria farmacéutica, cosmética e alimentaria. Os estudos preliminares son xa moi alentadores.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 07/11/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un grupo de investigadores europeos, entre eles galegos, está a estudar algas mariñas invasoras na costa entre Peniche, en Portugal, e Galicia para desenvolver novos produtos para a industria farmacéutica, cosmética e alimentaria creados a partir desas algas. Entre estes sargazos invasores xa foron identifiados seis que teñen un “especial potencial” para a industria farmaceútica, sobre todo, para enfermidades da pel, cancro e parkinson.

A codium fragile é unha das algas invasoras máis comúns en Galicia
A codium fragile é unha das algas invasoras máis comúns en Galicia

O equipo científico, denominado 'Amália', detectou estas algas invasoras na costa de Peniche, Figueira da Foz, Viana do Castelo e Galicia. E son, precisamente no noso país, onde este tipo de algas son máis abundantes.

“Podemos cambiar o concepto que hai destas algas, agora consideradas unha ameaza, para xerar oportunidades e produtos”, subliñou Marco Lemos, docente do Instituto Politécnico de Leiría (IPL), en declaracións á Axencia Lusa. “Deste xeito, podemos promover a sustentabilidade do medio ambiente e promover o crecemento económico, con base nos recursos mariños”, engadiu.

No grupo investigador, ademais do IPL, está o Instituto de Ciencia e Innovación en Enxeñaría Mecánica e Xestión Industrial (INEGI) do Porto, a Universidade de Coimbra e a Universidade de Vigo. Ademais, conta xa co interese de empresas portuguesas, austríacas e holandesas e recibiu financiamento da Comisión Europea. Polo momento son xa 20 os investigadores involucrados no proxecto.

AVANCES

Tras ano e medio de investigación, o equipo de científicos xa desenvolveu e ten en fase pre-comercial unha película natural, que substitúe as bolsas de plástico usadas para conservar peixe conxelado e que tamén aumentaría a súa calidade e o seu tempo de conservación.

Investigación de compoñentes de algas
Investigación de compoñentes de algas | Fonte: HH.com

Por outra banda, as algas analizadas tamén poderían ter utilizade para a acuicultura como antibióticos para determinadas especies de peixes. “O uso de compostos das algas invasoras pode diminuír a carga microbiana, os axentes patóxenos e a mortalidade do peixe producido”, apuntou este investigador.

COSMÉTICA E MEDICAMENTOS

Os investigadores tamén están convenidos de que compoñentes destas algas teñen un alto potencial para ser utilizadados como protectores solares e outras cremas da industria cosmética. “As algas non poden escapar do sol e desenvolveron naturalmente esta capacidade de se protexeren do sol. Se conseguimos extraer eses compostos e aplicalos nun protector solar, poderemos crear un novo produto”, destacou Lemos.

Neste sentido, analizan tamén outros compostos destes sargazos que producen substancias tóxicas para bacterias que se poden aplicar en produtos para o acné. E eses mesmos compostos, a falta dunha investigación máis exhaustiva, tamén se poderían utilizar para combatir o cancro e o parkinson.

COMERCIALIZACIÓN

A pesar da lentitude destas investigacións, Lema estima que no espazo de dous a tres anos algúns destes produtos poden ser xa ser comercializados, á excepción dos farmacéuticos. “Estamos a desenvolver proxectos en gran proximidade coa industria, entendendo cales son os seus problemas e desenvolvendo produtos que o mercado necesita, o que posibilita unha aceleración do desenvolvemento dos mesmos produtos”, indicou o coordinador da investigación.

O equipo acaba de instalar no fondo do mar, xunto ao arquipélago das Berlengas, un prototipo dunha cámara hiperespectral, que permite observar a aparición das algas e enviar imaxes para a industria en tempo real, vía satélite. Esta tecnoloxía novidosa foi desenvolvida por unha empresa holandesa.

“A ver se conseguimos entender o seu crecemento, como evolucionan ao longo do tempo, porque isto axudaría moito na investigación, engadiu Tiago Morais, enxeñeiro mecánico e investigador do Instituto de Ciencia e Innovación en Enxeñaría Mecánica e Xestión Industrial (INEGI) da Universidade do Porto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta