Por E.P. | VIGO | 20/11/2018 | Actualizada ás 15:02
Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela identificaron a tres mozos (un de 19 anos de idade e outros dous de 20 anos) aos que atribúe un suposto delito de danos, por realizaren grafitis en varios trens que estaban nas instalacións de mantemento de Renfe en Redondela (Pontevedra).
Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar a pasada tarde, cando o 091 recibiu un aviso por parte dun maquinista de Renfe, alertando da presenza de tres individuos facendo pintadas nunha locomotora e en varios vagóns.
Coa descrición dos sospeitosos, a Policía fixo unha batida pola zona e localizou aos mozos camiñando de forma apresurada pola estrada que une Vigo e Redondela. Os axentes interceptáronos, identificáronos, e interviñéronlles 20 botes de pintura en espray, así como boquillas especiais e outros elementos que se utilizan para a elaboración de grafitis.
A Policía requisou as pinturas e informou a Renfe dos pasos que debe dar para formular denuncia por estes danos, valorados nuns 3.000 euros. Os mozos identificados non teñen antecedentes policiais e os seus datos, xunto coas demais dilixencias practicadas, foron postos en coñecemento do xulgado de instrución número 1 de Redondela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.