Alcaldes de Honduras analizarán en Galicia como mellorar a xestión pública da auga

Esta viaxe encádrase nun proxecto que pretende fortalecer o servizo de saneamento e de abastecemento de auga nas zonas rurais do país centroamericano. Os rexedores achegaranse a Arteixo, Teo, Castrelo de Miño e Santiago.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/11/2018 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

Seis alcaldes e unha alcaldesa do sur de Honduras están de visita en catro concellos galegos para intercambiar impresións arredor da xestión pública da auga e o saneamento. Arteixo, Teo, Castrelo de Miño e Santiago serán os lugares escollidos para esta actividada, que se enmarca nun proxecto financiado con 36.740 euros polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para a ONGD Enxeñería Sen Fronteiras. O obxectivo é fortalecer as capacidades técnicas dos sete municipios do país centroamericano, para que poidan mellorar así eses servizos nas zonas rurais.

Alcaldes de Honduras que chegan a Galicia para abordar o tema da xestión pública de augas
Alcaldes de Honduras que chegan a Galicia para abordar o tema da xestión pública de augas | Fonte: Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

San Lorenzo, Amapaña, Nacaome, Marcovia, Goascorán, Namasigüe e El Triunfo son as vilas costeiras que conforma a mancomunidade Nasmar, no Golfo de Fonseca. Os rexedores destas localidades visitaron este martes Arteixo. Este mércores, ofreceráselles unha recepción no Pazo de Raxoi de santiago, mentres que ás 16.00h está previsto que cheguen a Teo. Previamente, participarán en Compostela no foro aberto 'O dereito humano á auga desde a xestión municipal. Experiencia desde Honduras e Galicia', na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). A xuntanza está especialmente pensada para edís e persoal técnico da administración local, que poden inscribirse en info@galicia.isf.es.

Alén das citas coorganizadas polo Fondo Galego, a axenda da delegación hondureña completouse cun encontro o luns coa vicerreitora de Internacionalización e Cooperación da Universidade da Coruña, Pilar García, ademais de teren sido recibidos polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González. Por outra parte, tamén se reunirán este xoves con representantes de Augas de Galicia e da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, órgano que cofinancia o proxecto na mancomunidade Nasmar.

ACCESO A UN DEREITO BÁSICO

En canto á iniciativa que se está a implementar sobre o terreo, o obxectivo é ampliar o acceso á auga potable e ao saneamento da poboación rural, como dereito humano básico, mediante unha xestión integrada que contemple enfoques de transparencia e participación cidadá, entre outros.

Para conseguilo, estanse a levar a cabo diversas accións como a formación do persoal no manexo de programas onde integrar os datos e realizar a planificación hídrica, para o que tamén se lles dotará de equipamentos informáticos. Ademais, impartirase un Diplomado en Hidráulica coa colaboración da universidade, de xeito que as técnicas e técnicos municipais poidan deseñar e executar sistemas de abastecemento, adquirindo os coñecementos necesarios para realizar os cálculos de tubaxes, materiais precisos, etc. para evitar as habituais avarías e os costes da súa reparación. Por último, estase a elaborar un manual que recolla a metodoloxía para a construción de sistemas de auga rurais por parte dos concellos.

Os municipios da mancomunidade Nasmar suman preto de 210.000 habitantes, dos que aproximadamente o 70% non dispoñen dunha traída en condicións axeitadas. Na zona rexístranse ademais altos índices de desigualdade e pobreza, por enriba da media do Estado que se sitúa no 65%. Cómpre ter en conta, asemade, que Honduras é un país altamente vulnerable ao cambio climático, debido á súa degradación medioambiental, e está considerado un dos máis afectados por fenómenos meteorolóxicos extremos, como furacáns e secas.

O FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN 

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 96 concellos e as

deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus

esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión

profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa

fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30

países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebrou en 2017 o seu vixésimo aniversario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Veciño

Que vaian por Vigo é aprendan xusto como non se ten que dispilfarrar a auga. Peor xestión non se pode facer, solicitar unha intervención de urxencia que custa millóns de euros cando teñen tal despilfarro no seu suministro, levan anos sen invertir un só euro en xestión eficiente da auga pero teñen unhas luces de Nadal estupendas.