Excargo de Fomento nega a posta en servizo da liña do accidente de Angrois cunha revisión dunha hora

Carlos Juárez di que a documentación recibida por Fomento se estivo revisando ata o 11 de decembro de 2011.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/12/2018 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

O exdirector xeral de Infraestruturas Carlos Juárez, dependente do Ministerio de Fomento, negou no Congreso que a documentación enviada para a posta en servizo da liña Ourense-Santiago se revisase e autorizase en tan só unha hora, tal e como desvelou hai dúas semanas a deputada de En Marea Alexandra Fernández.

O excargo de Fomento Carlos Juárez, na comisión de Angrois. CAPTURA
O excargo de Fomento Carlos Juárez, na comisión de Angrois. CAPTURA | Fonte: Europa Press

A portavoz da formación galega na comisión que investiga o accidente do barrio compostelán de Angrois na Cámara Baixa, na anterior sesión, mostrou uns correos electrónicos nos que se reflectía que a hora de entrada da solicitude de posta en servizo da liña foi as 12,09 horas do 9 de decembro de 2011, e a resposta coa autorización para a mesma produciuse ás 13,26 horas do mesmo día.

Fíxoo durante a comparecencia na comisión de Eduardo Santiago, ex-xefe da área coordinadora de Seguridade Ferroviaria da Dirección Xeral de Infraestruturas, quen defendía até ese momento que se utilizaron 48 horas en emitir a autorización definitiva.

Nos propios correos, aos que tivo acceso Europa Press, figuraba que entre os días 30 de novembro e 1 de decembro de 2011 Adif enviara previamente documentación ao Ministerio de Fomento, e o propio Santiago afirmou que se revisou "punto por punto durante un tempo amplo", aínda que admitiu que non lembraba como se realizou esa revisión previa.

Segundo matizou este mércores na comisión Juárez, a documentación recibida o día 30 de novembro era xa a definitiva --non a provisional, como se especificou durante a comparecencia de Santiago-- e analizouse até o mesmo 11 de decembro, cando Fomento recibiu o citado correo de Adif coa documentación adxunta e obtivo o visto e prace en algo máis dunha hora.

Juárez asegurou que viu a comparecencia de Santiago e apuntou: "Nun momento dado sentiu acurralado e non puido dicir o que eu podo dicir neste momento". Así, aseverou que hai copia dos correos que acreditan a entrada da documentación definitiva en Fomento e convidou aos membros da comisión a pedirllos á Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta