O PP de Vigo será acusación particular no xuízo do accidente do Marisquiño para "coñecer a verdade"

Elena Muñoz asegura que os populares son a "única alternativa real" para gobernar en Vigo e mantén as súas declaracións sobre o alcalde, nas que se referiu a que Caballero obrigaba os nenos a sacar fotos con el.

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 27/12/2018 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

A portavoz do PP en Vigo, Elena Muñoz, anunciou este xoves que o xuíz aceptou a personación do Partido Popular como acusación particular no xuízo sobre o accidente ocorrido o pasado agosto no festival O Marisquiño. Dito suceso saldárase con 467 feridos logo do afundimento dunha plataforma no paseo das Avenidas, onde se estaba celebrando un concerto.

Elena Muñoz na sede do PP en Vigo
Elena Muñoz na sede do PP en Vigo | Fonte: Europa Press

Muñoz fixo este anuncio nun almorzo informativo celebrado na sede do PP de Vigo, onde aproveitou para realizar un "balance" do ano 2018 e avanzar que o seu grupo é a "única alternativa real" para gobernar a cidade olívica ante o "populismo rancio" do alcalde socialista, Abel Caballero, e dos seus "delirios de grandeza".

Sobre o accidente, a 'popular' sostivo que o goberno local ten unha "absoluta falta de interese por que se coñeza a verdade" do que ocorreu e aclarou que o seu partido optou por personarse na causa tras "esgotar" todas as "vías políticas".

Neste sentido, Muñoz asegurou que a participación do goberno municipal foi "necesaria para que ocorrese o que ocorreu", debido a que se "limitaron" a facer "unha inspección visual" e "non comprobaron" se onde se ía a celebrar un concerto a estrutura "podía soportar o peso de tantas persoas" antes de dar a súa autorización.

"Quen non ten nada que ocultar non pon ningún impedimento para que se saiba a verdade", sinalou Muñoz en referencia ao alcalde de Vigo, para engadir que o seu "obxectivo fundamental" é "coñecer a verdade" para que algo así "non volva pasar".

ESTADIO DE BALAÍDOS

Por outra banda, a portavoz do PP en Vigo salientou as súas críticas ante o estado da bancada de Marcador do estadio de Balaídos e instou ao goberno local a explicar "como vai acreditar a seguridade" dos afeccionados para o próximo partido do Celta.

Muñoz subliñou que desde a corporación municipal aseguran realizar unha "inspección visual" de Balaídos e, en concreto da bancada afectada, algo que vinculou co que ocorreu no accidente do  Marisquiño. "Cando Caballero fala de inspección visual dan auténticos calafríos", aseverou.

ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Muñoz afronta este ano electoral coa convicción de que "o PP é a única alternativa para gobernar" ante o "modelo de confrontación permanente" de Abel Caballero e a súa "estratexia" de "ir contra a Xunta".

Así mesmo, a 'popular' insistiu na necesidade de aprobar un novo PXOM "para acabar con tres anos sen rumbo" no urbanismo da cidade. Falou dun "plan xeral consensuado para mellorar a calidade de vida das familias, as oportunidades das empresas e que respecte o  medioambiente", afirmou.

"Vigo necesita un cambio de modelo. Non hai nada escrito para as eleccións municipais e na cidade hai unha evidente fartura deste populismo barato. Sería un desastre que seguise outros catro anos", salientou Muñoz.

INCIDENTE NO PLENO MUNICIPAL

Ao finalizar o almorzo informativo, a concelleira 'popular'  Elena González aclarou as súas declaracións sobre Abel Caballero vertidas o pasado mércores durante o pleno municipal e  que levaron a que a maioría do grupo socialista abandonase a sala durante unha moción.

"Ninguén pode dicir que eu dixen que o alcalde desta cidade era un pederasta. Eu falei de que o señor alcalde saca fotografías cos nenos e que os obriga [a sacar fotos con el]. E díxeno nun contexto no que o señor Font acababa de dicir que Núñez Feijóo sacou unha foto cun narcotraficante. Manteño que iso foi o que dixen", aseverou  Elena González.

Nesta liña, a concelleira sinalou que "non ten ningún conflito con ninguén do PSOE". "Gustaríame saber que lle pasa ás mulleres do PSOE ultimamente comigo porque é a segunda vez que se levantan cunha moción miña", agregou González.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta