Traballadores de Urxencias do Clínico de Santiago continúan reclamando máis persoal na oitava semana de folga

O 9 de xaneiro manifestaranse no centro da cidade, e o 14 someterán a votación a proposta da Xerencia

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/01/2019 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

Os traballadores de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago de Compostela comezaron este luns a oitava semana de folga para pedir á Xerencia do centro "máis persoal" para poder ofrecer "un servizo de calidade".

O persoal de Urxencias do Hopsital Clínico de Santiago, nunha concentración
O persoal de Urxencias do Hopsital Clínico de Santiago, nunha concentración | Fonte: Europa Press

Ás portas do servizo de Urxencias concentráronse, un luns máis, ao redor de 50 traballadores, ataviados con gorros do Nadal, e camisetas nas que pedían as dimisións do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e a xerente do Hospital, Eloína Núñez, a quen dedicaron unha panxoliña.

O presidente da Comisión de Centro, Camilo Agulleiro, volveu a falar en representación do Comité de Folga, e lamentou que "non hai avances na negociación" nin novas reunións coa administración.

Agulleiro avanzou que o persoal "ten previsto seguir coas concentracións e as asembleas os luns" e adiantou que "o 9 de xaneiro haberá unha manifestación que partirá desde a praza Vermella e acabará na praza de Praterías", na capital galega. Ademais, o 14 de xaneiro o persoal someterá a votación a aceptación ou rexeitamento da proposta que hai encima da mesa de aumento do persoal.

VONTADE DE NEGOCIACIÓN

No entanto, Agulleiro insistiu na disposición de "negociar" e instou á xerencia a que "faga unha nova proposta de dotación de persoal". "Instamos á administración a que faga unha nova proposta e negociarémola. Se non, a folga seguirá adiante", recalcou.

O represente dos traballadores recordou, unha vez máis, que o que piden "é un aumento do persoal" para "poder ofrecer un servizo de calidade", e non un incremento salarial. Agulleiro respondeu a quen se preguntan por que non se vota xa a proposta da administración, e recordou que facelo o día 14 é "unha decisión do persoal e non dos sindicatos".

Tamén respondeu ás declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que recentemente comentou que "había sindicatos que non queren chegar a acordos e prefiren o conflito". Sobre este asunto, Agulleiro insistiu na "intención de negociar" e subliñou que "a este conflito chegouse logo de moitos anos nos que se aumentaron os espazos pero sen dotación de persoal".

O presidente da Comisión de Centro sinalou que, "a partir de agora empezan os problemas respiratorios e gripais" e alertou do risco de "saturación" e "colapso" do servizo de urxencias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta