Rueda anuncia rebaixas pero non a supresión da peaxe da AP-9 se a Xunta é a súa titular

Pide a Fomento que actúe e recorda que, en todo caso, non se fala de "suprimir" a peaxe, senón de bonificacións.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/01/2019 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu este mércores que a Xunta "fará todo o posible" para negociar rebaixas e bonificacións na peaxe da AP-9 cando sexa o titular desta infraestrutura.

Ponte de Rande na autoestrada AP-9
Ponte de Rande na autoestrada AP-9 | Fonte: Audasa

Así o indicou, a preguntas dos xornalistas, por mor da subida experimentada polas peaxes co inicio do ano e tendo en conta que se atopa "en pleno proceso" a transferencia a Galicia da infraestrutura.

"Levamos tempo dicindo que o Ministerio de Fomento, que é o titular, debe negociar coa concesionaria para intentar que se apliquen descontos e vantaxes para os usuarios habituais, igual que está a facer a Xunta nas autoestradas das que é titular", dixo Rueda, para quen este tipo de cuestións "demostra aínda máis" a necesidade de que a autoestrada se transfira á comunidade.

"Cando a Xunta sexa titular, fará todo o posible para facer estas negociacións", dixo o vicepresidente, que, en todo caso, precisou que non se fala de "suprimir a peaxe". "Quen propón iso non está a contar a verdade", explicou.

Para iso, puxo como exemplo as autoestradas de titularidade galega, que "seguen sendo na media as mais baratas do Estado" e que aplican "vantaxes para usuarios frecuentes". "Iso é o que estamos a reclamar para a AP-9", apostilou.

Aínda que se trata dunha negociación "difícil", admitiu Rueda, o vicepresidente considera que "hai instrumentos de negociación" para intervir xunto á concesionaria nesta materia, algo que reclamou que poña en marcha o actual titular, o Ministerio de Fomento". "Se a Xunta fose titular, faríao", engadiu o vicepresidente, indicando que, aínda que non se pode "garantir un resultado", se se poden "pór encima da mesa todos os instrumentos e a capacidade que ten a administración para intentar conseguilo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta