Lidia Senra: “O auxe da extrema dereita é un fenómeno global que responde ás necesidades do capitalismo”

A europarlamentaria denuncia que as políticas exercidas por grupos ultradereitistas son contrarias aos dereitos humanos e sociais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2019 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

Lidia Senra fixo declarou que a extrema dereita vive un auxe que interesa ao grande capital. Senra fixo estas declaracións en Nicosia, Chipre, onde participa nunghas xornadas formativas do Partido dos Traballadores de Chipre (AKEL). Concretamente a europarlamentaria coordinou unha mesa sobre a extrema dereita durante a tarde do pasado martes.

Lidi Senra en Chipre
Lidi Senra en Chipre | Fonte: GUE-NGL

Na mesa participaron o eurodeputado grego Dimitris Papadimoulis, o académico Nikos Trimiklimiotis e o científico político Giorgos Charalambous. Lídia Senra aproveitou para salientar na súa intervención que “a problemática do auxe da extrema dereita non é exclusiva da Unión Europea”. Puxo como exemplo a actual situación no Brasil baixo a presidencia de Jair Bolsonaro, que cualifica de “tremendamente negativa e preocupante”.

Senra chamou a reflexionar sobre como as forzas da extrema dereita favorecen a sinerxía sistémica de afondamento nas desigualdades, presente a nivel global. “O capitalismo precisa neste momento de gobernos autoritarios para continuar co seu proceso de concentración da riqueza cada vez en menos mans”. Segundo Lida Senra, este proceso é facilmente identificable na UE pola aplicación das denominadas “políticas de austeridade”. Ditas políticas trouxeron o empobrecemento da maioría social, a destrución de servizos públicos e o acaparamento da riqueza.

Se a Unión Europea estivera preocupada polo auxe da extrema dereita poñería fin ás súas políticas neoliberais”, reflexiona a eurodeputada. Esta estratexia segundo Senra, busca tamén debilitar a loita daqueles colectivos que traballan por difundir un discurso e unha praxe social vinculada á igualdade, ao respecto aos dereitos humanos e sociais, á solidariedade e, en definitiva, ao benestar social no seu conxunto.

No Estado español precisamente “o ataque aos dereitos das mulleres forma parte do propio programa dos partidos de extrema dereita, como vemos nas conversas para a investidura en Andalucía que están pedindo a derogación da lei contra a violencia machista, a derogación para a promoción da igualdade de xénero e a derogación da lei para garantir os dereitos das persoas LGTBI”.

Senra apunta ademais que estes ataques tamén se detectan contra as traballadoras e traballadores, “como puidemos ver por exemplo en Hungría coa recente aprobación da denominada “Lei da Escravitude”, que amplía as posíbeis horas extras anuais de 250 a 400 e permite que se tarde ata 36 meses en pagalas” . A eurodeputada resume que “os programas destas formacións supoñen a anulación dos dereitos humanos e incrementan as desigualdades”. Senra pechou a súa intervención apelando dende Chipre ao “papel crucial” dos medios de comunicación na divulgación da mensaxe destes partidos, “os propios partidos de centro dereita están xirando cada vez máis á dereita como consecuencia tamén disto”.

As xornadas de formación do GUE/NGL continuarán no día de hoxe e mañá arredor da análise xeopolítica da rexión do Medio Oriente e no Mediterráneo oriental, abordando por unha
parte a dimensión xeoestratéxica da militarización da rexión palestina e, por outra, a pegada do ISIS nesta área.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta