Abrir os ollos e as 'Fiestras' ante a violencia machista no rural

Fademur iniciou unha campaña de concienciación sobre a violencia de xénero en vilas e aldeas galegas, onde se percibe un "problema conceptual" ao respecto. O obxectivo é "construír redes de apoio reais" entre as mulleres da contorna.

Por Silvia López | Santiago de Compostela | 16/01/2019 | Actualizada ás 22:26

Comparte esta noticia

"As mulleres no rural non teñen ningún incentivo para poñer unha denuncia, senón todo o contrario". Dicíao hai uns días a xuíza Paz Filgueira, ex titular da Sala de Violencia contra a Muller de Vigo. As institucións públicas non destinan recursos dabondo para facer fronte a esta lacra fóra das cidades: aos estigmas enraizados na sociedade e á "carencia de axudas rigorosas" a nivel económico, nestas zonas súmaselles un problema de falta de información.

A violencia machista tamén existe no rural, pero a necesidade de axuda semella desoída
A violencia machista tamén existe no rural, pero a necesidade de axuda semella desoída | Fonte: Silvia López

Neses ocos non cubertos polas administracións érguese a iniciativa da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur), que vén de poñer en marcha unha campaña de concienciación acerca da violencia de xénero nas vilas galegas. ‘Fiestras’, que así se chama o programa, divídese en dúas partes: unha primeira fase de aproximación á contorna, información e convite á reflexión; e unha segunda etapa de actuación con actividades formativas.

O proxecto nace a raíz dunha enquisa desenvolvida durante o 2017 para descubrir a percepción que tiñan as donas do ámbito rural sobre esta escura realidade. Segundo explica a presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos Caamaño, os resultados do estudo puxeron de manifesto un "problema conceptual", quizais derivado da "falta de información" ao respecto.  "Quedaba claro que no ámbito rural non hai entidades que traballen co tema de violencia de xénero, non se fan actividades", malia que as enquisadas "perciben que cada vez hai máis violencia contra as mulleres", interpreta Arcos Caamaño. Aínda por riba, "nas poucas campañas contra violencia que din coñecer non se senten identificadas".

'FIESTRAS': PARA TECER REDES DE APOIO

O curioso desta iniciativa é a súa presentación. ‘Fiestras’ adopta o facer rural e aposta polo “boca a boca, e casa a casa” para chegar á xente. A presidenta da entidade explica que esta pretende ser unha “campaña moi en primeira persoa que, dalgunha maneira, faga pensar sobre situacións cotiás que temos demasiado interiorizadas, pero que forman parte dun escenario de violencia”: o medo; o illamento social; a espiral que vira do amor ao maltrato, e de aí ao arrepentimento e ás desculpas, para logo volver a empezar.

A campaña 'Fiestras', de Fademur, é un proxecto que pretende concienciar sobre a violencia de xénero no rural
A campaña 'Fiestras', de Fademur, é un proxecto que pretende concienciar sobre a violencia de xénero no rural | Fonte: Silvia López

Con ese fundamento, nesta primeira parte do programa están a se proxectar vídeos sen son a través das ventás de vilas pequenas. Calquera que pase por diante pode reparar nesas imaxes que retratan secuencias do día a día, “construír o seu propio relato” e extraer conclusións.

Se ben nun inicio se están empregando locais sociais para a súa reprodución audiovisual, eses vídeos poderán viaxar tamén a vivendas ou establecementos particulares. “Ademais de contribuír á campaña, a persoa que decida sumarse estará lanzando a mensaxe de que nesa casa hai alguén que está sensibilizado con ese problema e que está disposto a axudar. É unha maneira de construír redes de apoio reais”, asegura Rosa Arcos. A estrutura e as relacións sociais tan características do rural non facilitan ás víttimas "falar destes temas con persoas da contorna, pero isto quere dicir que hai xente que pode axudalas".

O obxectivo final é emprender un traballo de concienciación e formación con esas persoas que puideran sentirse interpeladas coas imaxes. Trataríase, en calquera caso, de xuntanzas de pequenos grupos “en espazos de confort, confianza e que non xeren rexeitamento”. Dende a organización son conscientes de que esas comunidades sociais “pechadas” e reducidas non facilitan a asistencia a determinados actos por crearse a sensación de estar sendo sinalada.

A maneira de enfocar as actividades é crucial, entón, para acadar o seu fin. “Todos nos coñecemos. Se convocamos unha charla de violencia de xénero, non vai ter moita concorrencia. Porén, se convocamos un taller de risoterapia ao mellor van 50 persoas”, exemplifica a presidenta de Fademur en Galicia.

Ela mesma agradece a "resposta moi positiva" que está a ter a campaña, tanto entre asociacións como incluso nalgúns colexios, e salienta a importancia de “tecer redes” entre as mulleres rurais: enredarnos nós mesmas para facérmonos máis fortes, abrir as 'Fiestras' e airear o machismo, botalo fóra.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta