En Marea, sobre a xestión sanitaria da Xunta: "Pon en risco á poboación por aforros ridículos"

Villares insta a Sanidade a cumprir a lexislación ante os "descubertos" en atención continuada, que "obrigan" a dobrar quendas. Por outra banda, critican tamén a rebaixa fiscal "para os ricos"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/01/2019 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, censurou que o Goberno galego "volva recorrer ao financiamento privado para sufragar os custos de "necesidades básicas" de poboación como a sanidade, un servizo que, segundo o maxistrado lucense, padece "políticas de malos tratos" por parte do PP. Critica que a Xunta poña en risco á poboación por aforrar uns poucos cartos.

Luis Villares
Luis Villares | Fonte: E.P.

Nunha rolda de prensa celebrada no Pazo do Hórreo este luns, Luís Villares asegurou que o pasado fin de semana "púidose comprobar de novo" que "a palabra" do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, "non vale nada" despois de que profesionais da PAC de Cambados (Pontevedra) tivesen que "dobrar quenda" para evitar que o servizo quedara "descuberto".

O maxistrado en excedencia subliñou que este episodio se suma a outros similares rexistrados nos últimos días. A xeito de exemplo, cita un que sucedeu a pasada semana en Moaña (Pontevedra), ata onde tivo que desprazarse un equipo da área de Vigo ante a "falta" de profesionais.

"Para cumprir a lei sanitaria en Moaña houbo que incumprila en Vigo e para que non se incumprise a normativa en Cambados, tiveron que dobrar quenda", aseverou Villares, que puxo o foco en que son os profesionais quen "exercen unha responsabilidade que non exerce o Goberno de Feijóo".

"Esiximos algo tan revolucionario como que se cumpra a lei", incidiu, para logo engadir que a Xunta "pon en risco á poboación" para "aforros ridículos de 300 euros".

FISCALIDADE

Ao fío deste asunto, Villares situou os problemas no sistema sanitario como un exemplo das dificultades do Goberno galego para "atopar recursos suficientes para atender necesidades básicas".

Neste sentido, censura que a Xunta recorra "ao endebedamento nos mercados privados" para financiar estes servizos "básicos". Segundo Villares,  recorrer á banca privada supuxo no pasado quinquenio "sobrecustos de financiamento de débeda de máis de 400 millóns de euros" en pago de juros.

Así, lamenta que o Goberno de Feijóo "volva ás andadas" despois de que "tivese que rectificar tras a reclamación de En Marea" . Lamenta que recorra outra vez á banca en lugar "de ir ao fondo de facilidade financiaria". Villares preguntouse "a quen beneficia" que a Xunta busque financiamento no sector privado e "que vantaxes" presenta para as arcas autonómicas. 

A continuación, censura que Feijóo promova "unha rebaixa fiscal para os ricos", aos que se baixan os impostos" e despois "non hai recursos para pagar médicos", o que fai que a Xunta teña que "endebedarse". "Galicia segue tendo un problema de ingresos e o que fai o PP é baixar o imposto ás 7000 persoas máis ricas de Galicia", remarcou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta