A Cidade da Cultura súmase aos actos do Día de Castelao

Organiza un ciclo de charlas sobre o intelectual no que participarán expertos de diferentes ámbitos, en cinco xornadas entre o 30 de xaneiro e o 27 de febreiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2019 | Actualizada ás 16:34

Comparte esta noticia

A Cidade da Cultura súmase aos actos de conmemoración do 'Día de Castelao', o 30 de xaneiro, co inicio dun ciclo de charlas sobre a figura e obra do intelectual galeguista.

Diálogos ao redor de Castelao. XUNTA
Diálogos ao redor de Castelao. XUNTA | Fonte: Europa Press

Segundo informou a Consellería de Cultura e Turismo, nestas xornadas que constituirán "un espazo de conversación, análise e reflexión" sobre Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, participarán "destacados especialistas en historia, arte, ilustración, política e movementos migratorios".

O ciclo, que leva por nome 'Diálogos ao redor de Castelao', serán gratuítos, previa inscrición, e comezarán o próximo 30 de xaneiro ata o 27 de febreiro.

Estas xornadas "inclúense dentro do programa de actividades para arroupar e dinamizar a exposición 'Castelao Maxistral', do Museo Centro Gaiás", na que se pode ver o lenzo 'A derradeira leición do mestre', visitada por máis de 25.000 persoas, segundo a Consellería.

EXPERTOS DE TODOS OS ÁMBITOS

O historiador e crítico de arte, Carlos L. Bernárdez, que inaugurará o ciclo o mércores 30, abordará "o peso de Castelao na plástica galega", e centrarase, especialmente, no período da Guerra Civil.

Pola súa banda, o mércores 6 de febreiro, o historiador e comisario da mostra 'Castelao maxistral', Miguel Anxo Seixas, explicará como se concibiu a mostra e explicará os últimos descubrimentos sobre o intelectual galego.

O seguinte mércores, 13 de febreiro, o exvaledor do Pobo e profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela, José Julio Fernández, centrarase nos debuxos de Castelao "desde a óptica da capacidade comunicativa nunha opinión pública democrática", avanzou a Consellería.

Unha semana despois chegaralle a quenda ao humorista gráfico Siro López, cunha intervención titulada 'Castelao, ou humor galego en Europa'.

Para rematar, o mércores 27 de febreiro, a directora do Centro Interdisciplinario de Estudos Americanistas 'Gumersindo Busto', e especialista en fenómenos migratorios, Pilar Cagiao, será a encargada de pechar o ciclo cunha sesión na que se incidirá no exilio ao que se viu obrigado o artista en Arxentina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta