Allariz, un paraíso tamén para os debuxantes

Os días 25 e 26 de xaneiro a vila do Arnoia acolle o Festival da Arte da Ilustración “Allariz Debuxado”, evento que chega este ano á súa terceira edición.

Por X.M. Fernández | Allariz | 24/01/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A editorial Aira en colaboración co Concello de Allariz organizan ese encontro de ilustradores profesionais e afeccionados que coincidirán nesta vila para coñecer a outros artistas, desenvolver o seu arte, compartir coñecementos, aprender novas técnicas e presentar os seus traballos.

Cartel oficial 'Allariz Debuxado'
Cartel oficial 'Allariz Debuxado'

O seu organizador, César Lourenzo, define este encontro artístico como “un proxecto que axuda a fortalecer a imaxe de Allariz como vila de letras que mostra respecto polo patrimonio e a cultura”. O tenente alcalde, Bernardo Varela, amosou a súa satisfacción pola organización de eventos que poñen nun lugar destacado das artes a esta vila, e lembrou que Allariz concentra moitas empresas relacionadas co sector cultural e promover estas actividades é un atractivo que axuda neste sentido.

Xunto coa editorial Aira, coñecida polo seu traballo a prol do desenvolvemento cultural deste lugar, tamén serán puntais importantes no “Allariz Debuxado” as coñecidas escolas de ilustración Antonio Faílde de Ourense e Pablo Picaso da Coruña. Nesta terceira edición prevese a participación de máis de cen alumnos e alumnas das escolas galegas e algunha de Asturias que aproveitarán a ocasión para completar a súa formación, aprender novas técnicas e coñecer ilustradores coñecidos. Entre eses prestixiosos debuxantes estarán presentes Javier Olivares, Miguel Ángel Jiner e Cristina Durán. Estes dous últimos artistas presentarán dúas novelas gráficas de gran éxito: “Tercer día” e “Una posibilidad”. A primeira xira ao redor da traxedia do metro de Valencia e a segunda trata o caso dun proceso de adopción internacional.

En paralelo celebrarase, no entorno do Allariz Debuxado, a Feira de Ilustración con máis de 20 expositores e a realización de 7 micro presentacións. Será unha novidade desta edición e, segundo explica o organizador César Lourenzo, “unha grande oportunidade para que os ilustradores presenten os seus produtos e deseños nun ambiente máis informal que o festival”.

Outra editorial de recoñecido prestixio en Galicia, Editorial Kalandraka, terá un papel importante na clausura do “Allariz Debuxado” cunha actividade na que ofrecerán aos alumnos e alumnas unha pequena formación para ensinarlles a presentar os seus traballos ás editoriais. Esta mesma editorial, organizadora do Premio Compostela, verá como a Galería circular acolle os días do evento unha exposición con traballos galardoados nese premio.

César Lourenzo e Bernardo Varela
César Lourenzo e Bernardo Varela

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta