Temas: VIñO VALDEORRAS

Valdeorras daralle prioridade á promoción neste 2019

O Consello Regulador D.O. Valdeorras aposta decididamente por aumentar a súa visibilidade e posición comercial acudindo a foros vinícolas e participando en eventos de marketing.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 26/01/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Na primeira reunión do Pleno do organismo autorizouse intensificar as acción encamiñadas a promover os viños da comarca de cara ao ano que temos por diante. Entre as actividades de promoción que se aprobaron destacan a asistencia ao Salón Gastronómico Xantar, que terá lugar en Ourense o vindeiro mes, e ao Forum Gastronómico de Coruña, para o mes de marzo. Pero tamén se decidiu que había que apostar pola participación en eventos de marketing que terán lugar en cidades como Santiago de Compostela ou Barcelona porque están impulsados por Verema, unha das comunidades de afeccionados ao viño e á gastronomía máis representativas no mundo de fala hispana con máis de 74.000 usuarios rexistrados.

Pleno D.O. Valdeorras. Fonte: Ideo
Pleno D.O. Valdeorras. Fonte: Ideo

José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador, lembra que esta decisión referenda a filosofía do actual equipo de goberno, centrar a acción xestora en promover a D.O. e os viños para aumentar a súa comercialización. Adiantaba, ademais, que “ao longo do ano irase completando a axenda de eventos na que imos participar como Consello Regulador”.

Noutro orde de cousas, o Pleno autorizou a sinatura dun convenio con Abanca ao abeiro de cal se ofrecerán diversos produtos e servizos financeiros a adegueiros e viticultores con xuros reducidos, así como alternativas de financiamento flexibles para favorecer o desenvolvemento da súa actividade. E aprobou a renovación dun contrato de traballo dun membro do equipo técnico e a  actualización de diferentes procedementos do organismo co fin de adaptalos ás esixencias marcadas por ENAC. Esixencias que teñen que ver coa verificación de aptitude das partidas do viño, coa xestión das contraetiquetas ou coa xestión dos recursos, reclamacións e litixios, entre outros asuntos.

Marcos Prada e José Luis García Pando.  Vicepresidente e Presidente da D.O. Valdeorras
Marcos Prada e José Luis García Pando. Vicepresidente e Presidente da D.O. Valdeorras
Temas: VIñO VALDEORRAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta