Os colexios de Enfermaría galegos reivindican unha dirección propia diferente a dos médicos

Consideran que "a actualidade obriga a redefinir as funcións dos profesionais da sanidade" e piden unha maior atención á Atención Primaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2019 | Actualizada ás 11:03

Comparte esta noticia

Os Colexios oficiais de Enfermaría galegos --da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra-- reivindican, nun escrito presentado ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o papel destes profesionais na estrutura da Atención Primaria para esixir unha "dirección de Enfermaría á vez que a médica".

"O nivel da Enfermaría na organización desta parte do servizo de saúde non é cuestionable", apuntan os portavoces e defenden que a profesión é "independente" e debe gozar de "autonomía", sen perder de vista "a complementariedade entre todos os labores sanitarios para ofrecer a mellor atención aos cidadáns".

Neste sentido, explican que o feito de ser un profesional colexiado "implica un principio de equidade profesional no que se basean os enfermeiros galegos", representados polos catro presidentes provinciais, para esixir "unha dirección de Enfermaría á vez que a Médica".

"Non se trata de crear compartimentos estancos, moi ao contrario. A realidade social asistencial de Enfermaría en Primaria esixe máis autonomía, sen perder de vista a confianza e coñecemento recíproco das capacidades dos membros das demais profesións sanitarias nin, como recolle a lei, o principio de accesibilidade e continuidade asistencial das persoas atendidas", engaden.

A lei, que, matizan, "non pretende determinar as competencias dunha ou outra profesión de forma pechada e concreta", establece as bases para que "se produzan pactos entre as profesións para que a praxe cotiá evolucione de forma non conflitiva, cooperativa e transparente", abundan.

Por tanto, aseguran que "se trata de manter a vontade de recoñecer simultaneamente os crecentes espazos competenciais compartidos interprofesionalmente e os moi relevantes espazos específicos de cada profesión".

REDEFINIR FUNCIÓNS

Para os colexios de Enfermaría, "non se trata dun debate ideolóxico médico/enfermeira", senón que consideran que "a actualidade obriga a redefinir as funcións dos profesionais da sanidade". "E a cuestión pasa polo deseño da atención sanitaria que queremos e necesitamos para o século XXI", apostilan.

"O fin último é a calidade asistencial ao paciente, ese ten que ser o obxectivo ao que chegar avanzando en formación e capacidade", consideran os colexios de Enfermaría galegos.

OUTRAS MEDIDAS

No escrito, os catro presidentes das organizacións colexiais propoñen outras medidas para a reforma da Atención Primaria, como "maiores competencias para a Enfermaría", o desenvolvemento e aumento de prazas das especialidades, o aumento de cociente de profesionais con respecto aos médicos, así como o desenvolvemento dunha "estratexia de coidados de enfermaría" para a comunidade autónoma, entre outras.

O documento difundido este mércores recolle as ideas que parten do encontro mantido a semana pasada entre responsables da profesión e o conselleiro de Sanidade para abordar a problemática da Atención Primaria.

Persoal sanitario nun hospital
Persoal sanitario nun hospital

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta