En Marea reclama á Xunta esixirlle a Ferroatlántica cumprir coa concesión tras o ERE temporal presentado

Francisco Casal sinala que é imprescindible unha auditoría sobre os beneficios extraídos polas hidroeléctricas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2019 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

O deputado de En Marea Pancho Casal pediu á Xunta que "interveña" ante o anuncio dun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) de dous anos nas factorías de Ferroatlántica, "esixa" á compañía "cumprir coas condicións da concesión" e "garanta a viabilidade" das factorías de Cee, Dumbría e Sabón.

A formación rupturista, a través dun comunicado, sinalou que o anuncio "supón un incumprimento das condicións das concesións das centrais, no que se especifica que se concede a concesión para garantir a viabilidade das factorías de Cee e Dumbría e require unha actuación inmediata por parte da Xunta".

Casal sinalou que é "imprescindible" unha "auditoría dos beneficios extraídos da explotación das centrais hidroeléctricas e a esixencia de que se invistan prioritariamente no desenvolvemento e mellora da competitividade das fábricas galegas de Ferroatlántica no canto de dedicalos a outros negocios".

Aínda que non se sabe o número de traballadores aos que afectará o ERE temporal, En Marea destacou que "de maneira inmediata suporá a perda duns 100 postos de traballo pola non renovación dos contratos eventuais e a rescisión de contratos das empresas auxiliares".

"NEGOCIO FABULOSO"

Casal afirmou que "as escusas da empresa son totalmente inadmisibles tendo en conta as características de autoproductor que ten a compañía, o que lle permitiría abastecerse de electricidade a custos moi inferiores aos de mercado".

Nesta liña, En Marea denunciou o "negocio fabuloso que fai Ferroatlántica", xa que "vende a enerxía no mercado en lugar de abastecer ás súas propias factorías". Casal lembrou que é a "condición que sustenta a concesión das centrais, que se abastecen dun ben público dos ríos Xallas e Grande", que se lle ceden en concesión "precisamente para garantir a viabilidade das factorías".

O deputado asegurou que "é intolerable que os rendementos das centrais, en lugar de garantir a viabilidade das factorías de Cee e Dumbría, fagan xusto o contrario, coa permisividade da Xunta". Ademais, En Marea fixo fincapé en que "as condicións da concesión obrigan á empresa a investir en Galicia nun plan industrial que debería garantir tamén a viabilidade e mesmo a potenciación da factoría de Sabón, que produce o demandado silicio metal, base da fabricación de paneis solares fotovoltaicos".

O deputado de En Marea Pancho Casal. EN MAREA
O deputado de En Marea Pancho Casal. EN MAREA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta