Santiago acollerá o Congreso Mundial EDUCA que atraerá a máis de 800 persoas entre os días 21 e 23 de febreiro

No encontro abordaranse temáticas que inclúen ciencias, música e a innovación en áreas como a economía ou educación física.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2019 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

Máis de 800 persoas de España, Brasil, Canadá ou Estados Unidos participarán do 21 ao 23 de febreiro en Santiago no II Congreso Mundial de Educación 'EDUCA 2019', que organizan a plataforma Mundo Educa e a asociación de Mestres Innovadores e Alumnos Competentes, en colaboración co tres universidades galegas.

A tenente de alcalde, María Rozas, presentou este mércores un evento que reunirá na Cidade da Cultura a expertos procedentes de toda España e de países tamén como Inglaterra ou Arxentina, co que Santiago "toma o relevo da Coruña" para ser "un foro de intercambio de coñecementos entre profesorado e alumnado de todas as etapas educativas". Co obxectivo de que o encontro "atenda fundamentalmente á innovación nas diferentes materias educativas", abordaranse desde as "matemáticas á música pasando pola economía ou a educación física", nun evento que tamén recoñece o esforzo dos propios docentes, "os máis interesados en mellorar a educación"

Aínda que se trata só da segunda edición, o Congreso "está xa situado no top ten dos Congresos desta materia", subliñou o director xeral do Comité Organizador, Víctor Arufe, que avanzou que está confirmada a participación de máis de 800 inscritos. A cifra podería ascender a 900 persoas, ao estar o prazo de inscrición aínda aberto ata o venres. O Congreso contará con participantes de Brasil, Canadá, Chile, Colombia, Portugal, Porto Rico, Mexico, Estados Unidos e Nicaragua. No evento presentaranse ata 150 traballos de investigación nas áreas de Educación Infantil, Educación Física, Musical e Artística; Idiomas, Ciencias Sociais e Humanidades e mesmo Dirección e Xestión de Centros.

O representante do Comité explicou que se abordarán "cuestións que lle afectan a nenos e nenas e adolescentes como o acoso escolar, o fenómeno dos botellóns ou a atención a alumnado con altas capacidades". Entre as conferencias que pasarán pola Cidade da Cultura destaca Andria Zafirakou, gañadora de "os Global Teacher 2018, que traballa con mozos dun barrio conflitivo de Londres aos que acompaña para evitar que as mafias os recruten", no que será a súa primeira conferencia en España.

A maior parte dos participantes son profesores en activo, pero tamén inspectores, logopedas ou pedagogos e estudantes. Entre as actividades complementarias inclúense charlas ou a presentación dun libro que recolle 50 experiencias de éxito na educación. Ao amparo do II Congreso Mundial de Educación entregaranse os Premios EDUCA Abanca ao mellor docente do ano. Os candidatos son propostos polo propio alumnado ou polas familias, no caso de ensino infantil e primario. A convocatoria está aberta non só a centros de ensino, senón tamén a docentes que traballen no ámbito da educación especial, centros penais e hospitais. Os gañadores recibirán un trofeo e un premio de 1.000 euros en metálico. Os premios entregaranse nunha gala na sede da Fundación Abanca.

Presentación do II Congreso Mundial de Educación 'EDUCA 2019'
Presentación do II Congreso Mundial de Educación 'EDUCA 2019' | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta