Como é a convivencia do galego en YouTube?

A rede social máis utilizada do mundo acabou sendo un lugar imprescindible para promoción e autopromoción. Cal é a súa relación co noso idioma? Hai persoas que crean contido en galego?...

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os youtubersxa son as figuras públicas máis seguidas pola xente nova. Crean tendencia, crean opinión ao seu xeito, marcan algunhas modas, novas formas de expresarse e sobre todo, son xente que crean dentro da xente nova a sensación de que “é moi fácil ser youtuber e gañar diñeiro”. Mais a cuestión, servirían tanto Youtube como os e as youtubers como plataforma para a difusión, promoción e normalización no uso do galego?

Obradoiros Youtubeir@s
Obradoiros Youtubeir@s

Antes de entrar en ningunha análise ou opinión, debemos recordar que hai xa anos Youtube está considerado como unha canle de TV a gusto do consumidor. Mesmo así se reflectiu nalgúns traballos de investigación con menos dunha década. Por que? Pois porque é doado acceder a contidos específicos introducindo as palabras chave concretas e poder ver o que nos gusta ou desexamos

Non imos entrar na historia desta canle. Podemos dicir que a idea, froito dunha casualidade entre tres amigos e que, despois duns anos, venderon a Google para que este puidese colocar anuncios nesa canle (unha similitude coa TV convencional?), acabou no que temos actualmente. A plataforma de contidos máis ampla que hai ata o de agora.

ESTIMACIÓNS

A relación que mantén Youtube coas linguas minoritarias e as minorizadas, en moitos aspectos é ambivalente. Por unha parte estarían os idiomas de máis peso no mundo como o chinés, inglés, español e francés. Se falamos do portugués, sería un deses idiomas con peso, se falamos de galego, entraría na categoría de minoritaria-minorizada. Se o vemos desde a perspectiva da lusofonía, serían a mesma lingua. Non obstante, cinguirémonos ao panorama galego.

Aínda que durante os últimos anos apareceron desde Galicia algúns youtubers con impacto nesta plataforma, a maior parte dos seus traballos estaban e están dirixidos ao conxunto estatal na súa maioría. “Youtube ofrece un soporte gratuíto para proxectos pequenos sen orzamentos e precisen dunha canle de difusión sinxela para usar e accesible para todo o mundo”, di Víctor Grande, creador da webserie "Galicia Crime".

Inés Pérez, directora e creadora tamén de contidos audiovisuais, ve Youtube “como unha plataforma moi xenérica, case que para entretenemento máis que para distribución”. Inés Pérez tamén ten claro que a plataforma ou rede social ten a característica de crear tendencia dentro do público. “Foi unha revolución e tamén cambiou o punto de vista do público, mesmo creando figuras famosas e non só por xogos senón tamén por contidos científicos ou culturais”

Sobre a relación entre as linguas minoritarias e Youtube, Pérez cre que “a relación é particular, pero non por Youtube, senón porque o acceso á plataforma por parte destas linguas non está ben optimizado”. Como exemplo pon “a falta de subtítulos en linguas minoritarias, ou polo menos ata o de agora non vin acceso a subtítulos en galego por exemplo”, pero “non é que Youtube teña un problema coas linguas minoritarias, senón que non son tan demandas polo público”

YOUTUBEIROS E YOUTUBEIRAS

O Certame Youtubeir@s naceu dunha idea exposta nunha reunión de entre diversos departamentos de normalización lingüística de diferentes concellos. “A orixinal ía dirixida á mocidade e todo naceu nunhas xornadas da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua, nunhas xornadas organizadas pola Universidade da Coruña” explica Mónica Fernández do Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ourense. “En concreto, ese ano traballamos “O galego na mocidade” sobre todo no tempo de lecer e como usuarios e consumidores de Youtube por que era unha rede moi usada pola xente máis nova”.

A conclusión foi que o galego tiña que ter presenza dentro da plataforma “non só pola lingua, senón porque tamén reflectía o que é a nosa realidade” di Fernández. “Viamos que había moito consumo en castelán, sobre todo de Latinoamérica, pero a nós interesábanos o consumo na nosa lingua”. A partir de aí naceron varios proxectos conxuntos entre diferentes concellos. O proxecto levou un tempo perfilalo e entre as características que lle engadiron estaba deixar participar a todas as idades a partir dos 14 anos, “é a idade na que podes crear contidos e ese foi o límite”.

As persoas que máis participaron na primeira edición o 28% foron menores de dezaoito anos e de dezaoito a trinta anos foron o 44,60%, maiores de trinta ata cincuenta un 19,30% e maiores 9,5%. “A diferenza de participación entre a primeira e a última edición é que aumentou a franxa de idade entre trinta e cincuenta” explica Mónica Fernández. Se a partir deste certame quedan persoas cunha perspectiva de crear negocio “o certo é que non, pero si que damos uns premios xeitosos”. O que si destaca Mónica Fernández é que algunhas das canles se van mantendo no tempo desde que apareceron no certame. “Tamén damos espazos a canles que xa existían anteriormente para que se visibilicen grazas á votación da xente, canles que non se presentaban ou creadores que non se presentaban”.

A colaboración ou o desexo de unirse para potenciar o proxecto pasa por ser administración pública con equipos de normalización lingüística activos. Entre as institucións participantes están a Deputación da Coruña, concellos como Teo, Santiago, Carballo, Ames, O Grove e as tres universidades galegas. Ademais disto, a experiencia tamén contou con “obradoiros que se fixeron dentro dos centros escolares e outra iniciativa interesante fora o vídeo das mulleres de San Sadurniño que se fixera viral, cunha media de idade de 70 e 75 anos, un vídeo que se fixo dentro dun programa de apoio á muller”. O obxectivo principal é que “tanto a participación pero sobre todo que os autores e autoras queden para demostrar que o galego tamén serve para as novas tecnoloxías”.

O galego pode ter en Youtube, así como noutras redes sociais e canles audiovisuais da Internet, un soporte para o seu recoñecemento, normalización e para a superación de complexos fronte a Rede. Mais a oportunidade, de collela, debe manterse e non ficar nunha cuestión anecdótica. Pois así como esta é unha ferramenta idónea tamén pode ser un elemento que free a normalización nas TIC, por iso é necesaria a presenza constante dentro de Youtube.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Suscriiii-be-té, mair dálle ao laic, mair dálle ao laic, suscribeté... https://www.youtube.com/channel/UCu...