A fadista Cristina Branco e a Real Filharmonía de Galicia actuarán xuntos nun programa dedicado ao fado

O programa inclúe pezas arranxadas polo pianista Mário Laginha, do fadista Alfredo Duarte ademais de cancións populares portuguesas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 11:10

Comparte esta noticia

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos dedicados ao fado baixo a batuta do mestre luso Pedro Neves, que contarán coa participación da fadista Cristina Branco. O primeiro destes concertos terá lugar o xoves 14 en Santiago, no Auditorio de Galicia, ás 20,30 horas, mentres que, ao día seguinte, a orquestra tocará na Coruña, no Teatro Colón.

O programa destes concertos, titulados 'Cantigas de sal', será unha homenaxe ao fado portugués. A orquestra interpretará algunhas das pezas máis populares da música tradicional lusa, na voz da recoñecida fadista Cristina Branco. Estas pezas están arranxadas, na súa maioría, polo pianista portugués Mário Laginha, que tamén tocará no concerto, xunto á guitarra portuguesa de Miguel Amaral. Ambos os músicos son acompañantes habituais de Cristina Branco.

Os concertos arrincarán con dúas obras de Mário Laginha, 'Abertura 2011' e 'Camponês Alentejano'. Logo interpretarase 'Estranha forma de vida' do fadista Alfredo Duarte Marceneiro e, a continuación, soarán varias cancións populares portuguesas: 'Ou Laurinda. Linda, Linda', do Algarve; e 'Mirandum funse á guerra', de Miranda do Douro. O público tamén poderá escoitar 'Alfama', do compositor portugués Alain Oulman, 'Se não chovesse tanto, meu amor', do fadista Armando Machado, e 'Margarita' de Mário Laginha.

Na segunda parte do concerto, o público escoitará 'Sete pedaços de vento' de Custódio Castelo, 'Fado Blanc' de José Pedro Blanc, 'Abandono' de Alain Oulman, 'Quando julgas que me amas' de Mário Laginha e 'A Minha Terra é Viana' de Alain Oulman. Seguirán as cancións populares 'Rapazes, meninos', orixinaria da rexión portuguesa de Estremadura; e 'José Embala ou Menino', procedente da rexión lusa de Beira-Baixa. Por último, soará o coñecido fado 'Maria Lisboa', do compositor Alain Oulman.

Fadista Cristina Branco actuará coa Real Filharmonía de Galicia. RFG
Fadista Cristina Branco actuará coa Real Filharmonía de Galicia. RFG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta