Os comités de Ferroatlántica buscan o apoio da Xunta para minimizar o impacto do ERTE

Conde mostra "firme determinación" en defensa do emprego e ve a Sánchez "cómplice silencioso" ao non dar "solución" ao prezo eléctrico.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

Os comités de empresa de Ferroatlántica nas localidades coruñesas de Cee-Dumbría e Sabón (Arteixo) iniciaron este martes unha primeira toma de contacto coa Xunta para reclamar o seu "compromiso" en relación coa negociación do expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que presentou a empresa para todos os seus centros produtivos en España.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, que foi o encargado de reunirse pola mañá cos representantes dos traballadores da Costa da Morte (e que pola tarde recibirá aos de Sabón), mostrou a súa "determinación firme" en defensa dos postos de traballo e da actividade industrial, coa vista posta en que o expediente "en Galicia non teña unha repercusión que non se desexa".

Co mesmo discurso que ante a crise de Alcoa, igualmente afectada polo custo da enerxía e o valor da súa produción no mercado, Conde atacou o Goberno de Pedro Sánchez polo anuncio do ERTE en Ferroatlántica: o Ministerio de Transición Ecolóxica está a ser "cómplice silencioso" ao non dar "solucións concretas" ao prezo eléctrico, censurou.

Tras o resultado da poxa eléctrica, na que Ferroatlántica non puido acceder aos bloques de 50 megawatts (os máis grandes), a firma mantén parados dous fornos de manganeso en Cee-Dumbría, onde a cifra do persoal alcanza os 295 traballadores, e outro en Sabón, con 130 de postos de traballo. Neste lugar, hai unha década xa afrontaron un ERTE precisamente ao verse abocados a pechar dúas das tres caldeiras.

A MESA DE NEGOCIACIÓN

En declaracións aos medios de comunicación tras máis dunha hora de encontro na sede da Xunta, Juan Villar, de CXT en Cee-Dumbría, explicou a problemática que lles incumbe, e é que non están presentes na mesa de negociación do expediente constituída este luns en Madrid, aínda que reclamaron polo menos ser "oíntes".

Esta situación deriva do feito de que abandonaron os seus sindicatos no medio do conflito aberto en 2017 pola intención de Ferroatlántica de segregar as actividades de xeración eléctrica e de produción metalúrxica, coa vista posta na venda das centrais hidráulicas.

A Xunta denegou finalmente esta segregación, nun contexto de forte contestación dos traballadores e de toda a comarca, pero as organizacións de ámbito estatal deran o seu visto e prace á operación, o que implicou que os representantes sindicais de Cee e Dumbría decidisen saírse das súas respectivas centrais.

Pola súa banda, Alberto Ferreiro, do comité de Ferroatlántica en Arteixo, sinalou que a eles tampouco lles "gustaba" o "formato" da negociación proposto pola compañía, xa que preferían a representación por centros, pero que terminaron asumindo a oferta, de modo que agora son seis membros por UXT, tres pola CIG, dúas por CC.OO. e un de USO.

"O MENOR DANO POSIBLE"

"Tentaremos arrincarlle un compromiso á Xunta para que paralice isto, e se non é capaz, que non creo, polo menos que os centros de traballo saian o menos danados posible", expuxo.

Tamén "preocupado", Juan Villar, de Cee-Dumbría, fixo fincapé en que queren contar con "garantías de arranque canto antes" dos fornos parados e que para iso é preciso coñecer un "arranxo" en canto ao prezo da enerxía.

A intención de Ferroatlántica é executar o ERTE entre o 1 de marzo deste ano e o 31 de decembro de 2020. As próximas citas previstas na negociación son o luns 18 e o venres 22.

"URXENCIA"

Pola súa banda, o conselleiro subliñou que a situación é "de urxencia desde o punto de vista industrial" e esixiu ao Executivo central que "dea unha resposta ao prezo eléctrico". "Levamos catro meses esperando", recalcou o titular de Economía, antes de atribuír ao equipo de Sánchez a "irresponsabilidade" de que "non se actúe".

No que á Xunta respecta, comprometeu "continuidade" na "interlocución coa empresa" e a defensa dos empregos "tanto ante a empresa como ante o ministerio". A proposta do Goberno galego, segundo lembrou, pasa por fixar un prezo eléctrico competitivo que se aplique de maneira retroactiva desde o 1 de xaneiro.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, co comité de Cee-Dumbría. XUNTA
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, co comité de Cee-Dumbría. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta