O Ministerio rexeita crear novos xulgados do Social en Lugo e Santiago, mentres concede un a Vigo

Nunha declaración institucional, o pleno municipal de Santiago esixe "revogar" esta decisión "con carácter urxente e prioritario".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2019 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

O Ministerio de Xustiza autorizou este xoves a creación de tres unidades xudiciais para Galicia, entre as cales non se atopan os xulgados do Social de Lugo e Santiago, tal e como acordaron solicitar a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) ao Goberno central.

Xulgados de Santiago, En Fontiñas
Xulgados de Santiago, En Fontiñas

Nun oficio emitido pola Dirección Xeral de Xustiza, a data de 19 de febreiro, o Ministerio concede unha praza de maxistrado para a Sección 2ª da Audiencia Provincial da Coruña, un xulgado de Primeira Instancia para A Coruña—o número 14— e outro do Social para Vigo —número 6—.

Fontes de Vicepresidencia, departamento da Xunta con competencias en Xustiza, indican que as unidades "prioritarias" para o Goberno galego eran as tres da orde do Social, das que o Executivo central deixa fóra as de Santiago e Lugo.

Nunha reunión mantida en decembro, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, cualificaron de "imprescindibles" o tres xulgados do Social demandados.

Ante o oficio emitido polo Ministerio, a Xunta convocará de forma inmediata a Comisión Mixta de xustiza, na que se integran tanto a Administración autonómica como o TSXG.

En todo caso, a tramitación do tres unidades xudiciais autorizadas dependerán de que a Xunta emita un informe no que se acredite a dispoñibilidade orzamentaria.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DE SANTIAGO

Precisamente, este mesmo xoves aprobouse no pleno ordinario do Concello de Santiago unha declaración institucional na que todos os grupos políticos —Compostela Aberta, PP, PSOE e BNG— mostran o seu "rexeitamento" á decisión do Ministerio.

Deste xeito, os catro grupos políticos esixiron ao Goberno a "revogación" desta medida e apuran a creación do Xulgado do Social "con carácter urxente e prioritario".

Así mesmo, a declaración pide "ter en conta as reclamacións presentadas no seu día para a ampliación da planta xudicial" da capital galega, entre as que inclúe xulgados de Familia, de Violencia de Xénero e do Contencioso-Administrativo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta