O albergue de peregrinos de Pontevedra será ampliado

A Asociación de Amigos do Camiño Portugués atende esta instalación integrada na Rede Pública do Xacobeo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2019 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anunciou este martes a ampliación do albergue de peregrinos de Pontevedra, o que responde as necesidades expresadas pola Asociación de Amigos do Camiño Portugués, que desde hai dúas décadas atende esta instalación integrada na Rede Pública do Xacobeo.

O conselleiro de Cultura visita albergue peregrinos en Pontevedra.. XUNTA
O conselleiro de Cultura visita albergue peregrinos en Pontevedra.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Román Rodríguez visitou este martes as instalacións do albergue da cidade, entre elas o espazo onde se habilitarán novas camas e liteiras para satisfacer a demanda crecente dos peregrinos.

O presidente da Fundación Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores, trasladoulle as inquietudes e propostas dos hospitaleros, así como a necesidade de aumentar as liñas de colaboración mantidas.

O titular de Cultura e Turismo explicou que coa ampliación proxectada o albergue de Pontevedra pasará a ser o de maior capacidade dos dez establecementos públicos cos que conta o Goberno autonómico no Camiño Portugués.

O conselleiro lembrou que tamén está en marcha o proxecto para a construción dun novo albergue na variante costeira do Camiño Portugués na zona vella da cidade de Vigo e que estará plenamente operativo de cara á celebración do Ano Santo.

Finalmente, Román Rodríguez destacou que a Xunta investirá 6,5 millóns de euros nas diferentes rutas do Camiño de Santiago na provincia de Pontevedra e avanzou que a Xunta licitará un contrato de mantemento para cada un dos itinerarios oficiais

O Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa recibiron en 2018 o 25 por cento do total dos peregrinos que acudiron a Santiago de Compostela, cun crecementos do 14,5% e o 89%, respectivamente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta