A Mesa pídelle a Feijóo que non siga as propostas da “extrema dereita” en cuestión lingüística

Recórdalle ao PP que a cidadanía galega ten dereito a ser atendida na súa lingua polas administracións públicas. Queremos Galego organiza unha protesta en Lugo o vindeiro 6 de marzo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/03/2019 | Actualizada ás 11:33

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística exíxelle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,  que "deixe de seguir as propostas da extrema dereita e comece a exercer de presidente, reclamando dentro e fóra do seu partido respecto polo Estatuto que xurou cumprir". Unhas críticas que chgan logo de que que o líder do PP, Pablo Casado, anunciase que o seu programa electoral incluirá unha lei orgánica para reforzar o uso do español e prohibir que a lingua cooficial sexa un requisito indispensábel á hora de acceder a un emprego público.

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua | Fonte: queremosgalego.com

Así, lembra que esta lei entraría en conflito directo co artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia, que sinala que o galego é a lingua propia de Galicia e cooficial, que todos teñen o dereito de o coñecer e de o usar, así como a obriga dos poderes públicos de garantir o seu uso normal e oficial e de potenciar o seu o emprego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, indicando que ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

"A proposta do PP supón prohibir ou limitar gravemente o dereito da cidadanía galega a usar a nosa lingua en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, a sermos atendidos e entendidos correctamente na administración pública", explica o presidente da Mesa, Marcos Maceira, ao tempo que lle lembra ao PP que "é a administración a que está ao servizo da cidadanía e non a revés". "Se queren defender a liberdade", continúa Maceira, "o primeiro que deben garantir é o dereito a utilizar a lingua galega sempre e en todo lugar, en servizos públicos ou privados. Este dereito xa está limitado na actualidade, pola ausencia de requisito nas listas do Sergas ou na administración xeral do Estado".

Pretenden prohibir de novo o uso do galego, culpabilizando as persoas que se verán discriminadas polo uso da súa lingua nos servizos da propia Xunta de Galiza e negando dereitos humanos básicos, como non padecer discriminación por razón de lingua”, conclúe o presidente da Mesa. “Se esta discriminación é grave nas empresas privadas é máis na administración pública que debe velar por estes dereitos".

QUEIXAS

O informe da Liña do Galego que cada ano elabora a Mesa recolle, precisamente, que a entidade de defensa da lingua tramitou ao longo do 2018 303 queixas, as que un 46% ían referidas á administración pública, tanto estatal como autonómica e local. "A liberdade de emprego do galego está gravemente limitada pola imposibilidade de uso en numeros servizos públicos", salienta Maceira, "nomeadamente da administración xeral do Estado, como a Axencia Tributaria ou a Seguridade Social". "Esa imposibilidade é a que agora pretender trasladar o PP á administración autonómica, onde se detectan vulneracións graves de dereitos en ámbitos como a saúde ou a atención en servizos externalizados", asegura.

O relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Fernand de Varennes, recolleu tamén no informe preliminar que fixo público tras a súa visita ao Estado español que "as minorías lingüísticas teñen dereito a usar o seu idioma nas súas interaccións coas autoridades e institucións estatais" e que isto "segue sen cumprirse nalgunhas rexións”.

CONCENTRACIÓN EN LUGO

Por outra banda, a plataforma cidadá Queremos Galego fai un chamamento á cidadanía para participar na concentración que terá lugar a vindeira cuarta feira (mércores), día 6 de marzo, ás 12h fronte ao Concello de Lugo. A mobilización quere amosar a repulsa social á sentenza "ideolóxica" coa que o Tribunal Supremo (TS) rexeitou o recurso presentado polo Concello de Lugo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulaba parcialmente a ordenanza de normalización lingüística da cidade, aprobada por unanimidade polo pleno da corporación en 2012 e ratificada polo pleno tras a sentenza do TSXG. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Coso

Cando un galegofalante coma min pasa de usalo en algúns escenarios para evitar perder o tempo, mala atención, represalias, etc é que a cousa está francamente pior do que os máis optimistas pensan. E sí, reclamo e reclamarei todo o que poida o uso do galego e o meu dereito a usalo pero perdemos tantas batallas que vexo a guerra lingüística en Galiza completamente perdida. En cen anos o galego será unha lingua tipo irlandés, algo folclórico e anecdótico. Visiten a tumba de Ana Kiro, den unha volta polos pasillos da rtvg, etc. E a culpa é dos galegos, non tiremos balóns fora, somos os nosos piores inimigos. É posible que un profesor de galego sexa falante de castelán fora da aula? Sí, o do meu fillo. É legal ter a obriga de coñecer o castelán pero non o galego? Sí, é legal. Agora mesmo só impoñendo o galego coa inmersión lingüística conseguiríamos salvalo pero iso é politicamente utópico. Longa vida ao portugués! (é un consolo)

2 uu1

A questão não se limita a normativa dum concelho. A questão é o direito a usar o idioma galego na Galiza (onde o idioma galego é OFICIAL) em TODAS as administrações e serviços públicos, incluída a administração estatal, policia, guarda civil, julgados, etc. As administrações estatais também tenhem que cumprir a constituição!!!

1 Uu1

A proposta é inconstitucional!!! Esta batalha há que ganhá-la nos tribunais. A constituição e o estatuto garantem a oficialidade e o direito de usar o galego em todas as administrações na Galiza. Aos tribunais... até chegar aso europeus. O demais é perder o tempo