Máis de catro mil usuarios da plataforma É-Saúde do Sergas baixaron as súas probas diagnósticas de imaxe

A Plataforma É-Saúde púxose en marcha en setembro de 2016 e desde esa data ata finais de febreiro de 2019 conta xa cun total de 72.094 contas creadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2019 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

Desde decembro de 2018, o Servizo Galego de Saúde permite aos galegos acceder e descargar probas diagnósticas de imaxe, como TACs, resonancias ou radiografías, a través da súa plataforma dixital É-Saúde, unha opción que xa utilizaron máis de 4.500 persoas.

A Consellería de Sanidade resaltou que desde a posta en funcionamento desta opción xa se solicitaron un total de 10.485 imaxes. Para acceder e descargar as probas diagnósticas os usuarios, que teñan cartón sanitario do Sergas, deben de crear unha conta na plataforma É-Saúde, como titulares ou con autorización de acceso delegado. Para a descarga da imaxe médica, mantéñense os criterios de acceso para o paciente do resto de informes e probas diagnósticas: tras visita médica (presencial ou telefónica) rexistrada polo seu profesional ou na súa falta, pasados 30 días desde a xeración do informe.

Para posibilitar este servizo o Sergas implantou en todos os centros os sistemas informáticos que permitan xerar ficheiros en formato estándar, de tal forma que se facilite a súa descarga cos programas informáticos máis comúns. Ademais, realizouse o correspondente período de probas de seguridade. Este servizo conta cun nivel "alto de seguridade" e a "identificación para acceder ao servizo tamén require nivel alto de seguridade". Realízase mediante DNI electrónico, certificado da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre ou con CHAVE 365. Nestes dous últimos casos, débese solicitar o acceso no centro de saúde.

MÁIS USUARIOS DE É-SAÚDE

A Plataforma É-Saúde púxose en marcha en setembro de 2016 e desde esa data ata finais de febreiro de 2019 conta xa cun total de 72.094 contas creadas. Cada semana realízanse unha media de 380 novas altas ao servizo. Do total de usuarios, o 10% accede a diario e a eles súmanse 6.000 que acceden aos servizos en aberto que non requiren identificación segura. A Plataforma é unha ferramenta dixital dirixida a pacientes e cidadáns que permite acceder a unha serie de servizos interactivos e contidos personalizados de saúde. En concreto, os usuarios poden consultar e xestionar as súas citas, revisar a súa folla de tratamentos, os informes de alta ou os de probas diagnósticas, desde un computador, móbil ou tablet.

Ademais, a plataforma ofrece en aberto e sen necesidade de rexistrarse a posibilidade de consultar un total de 2.053 fichas informativas da Á a Z, creadas ou revisadas por profesionais do Sergas, e acceder aos vídeos da canle de youtube É-Saúde, que contan con máis de 439.000 visualizacións. Desde a posta en marcha desta plataforma o Sergas incorporou distintos servizos, como o acceso aos informes do tratamento de Anticoagulación oral, loa integración de trámites administrativos ou a posibilidade de darse de alta en sistemas de avisos por SMS do Sergas. Tamén desde setembro de 2018 os usuarios poden descargarse os informes dos programas de Saúde Pública, como os de prevención e detección precoz de metabolopatías, xordeira neonatal, cancro de mama e cancro de colon, ademais do calendario de vacinacións.

Laboratorio de Saúde Pública de Galicia
Laboratorio de Saúde Pública de Galicia | Fonte: Sergas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta