Traballadores do Seaga critican a Xunta por sometelos a unha "incerteza total" sobre o seu futuro

Este colectivo concentrouse para protestar pola falta de información sobre as negociacións que lles incumben "Seguramente ao final subcontraten e non fagan uso da man cualificada que teñen", reprochan, en referencia a servizos como a loita contra os lumes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2019 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

Decenas de traballadores de Seaga concentráronse de novo este xoves ante a Xunta para denunciar a súa situación de "incerteza total". Din "non saber nada" sobre o seu futuro.

En declaracións a Europa Press, o presidente do comité da Coruña de Seaga, Peter Brea, lamenta "non ter información" sobre a reestruturación do servizo de loita contra o lume que prevé levar a cabo a Xunta. Piden que se teñan en conta os seus anos de experiencia laboral na puntuación para optar a entrar nas listas deste servizo público. "Non sabemos se ese anuncio do traspaso de xente de Seaga ao servizo público vai ser realidade, tememos que sexa un timo e que quedemos na estacada", lamenta.

"Desde abril do ano pasado non sabemos nada do que van facer connosco, estamos á espera dunhas negociacións nas que nós non podemos intervir porque non formamos parte da administración", indica. "Non se nos dá ningún tipo de solución", engade Peter Brea. Neste sentido, critica que non coñecen a valoración existente sobre "tempo traballado" nin os puntos cos que contan "nin cando van dicilo". "Unha tolemia", resume.

SEN AVANCES NA LIMPEZA DE FRANXAS

Ademais, Brea avisa de que non hai avances para a limpeza de franxas de cara á campaña de alto risco, nunha tarefa que está previsto que realice Seaga. Advirte de que "se vai estar fóra de prazo para facer os traballos".  mentres traballadores "cunha formación de 12 anos no monte agora mesmo están sen traballo porque a Xunta non quere facer uso deles"

Estase empezando a planificar os traballos tras adscribirse os municipios interesados, explica. Con todo, critica que, aínda que a Xunta poida estar pensando que Seaga se ocupe deses servizos, descoñece os seus labores.

Así mesmo, quéixase de que no pasado pediron reunións coa anterior conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, así como co actual, José González, sen obter resposta. "Conseguimos as reunións aparacéndolles na porta, porque se non non nos contesta nin deus", censura.

Traballadores de Seaga protestan de novo ante a Xunta para denunciar a situación de 'incerteza total' sobre o seu futuro
Traballadores de Seaga protestan de novo ante a Xunta para denunciar a situación de 'incerteza total' sobre o seu futuro | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta