A mineira de Touro nega verteduras contaminantes ao río malia o expediente que se lle abriu

Defende que na zona non desenvolven "ningunha actividade nin mineira nin industrial, polo que non se xeran augas residuais"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2019 | Actualizada ás 17:38

Comparte esta noticia

A empresa mineira de Touro (A Coruña) Explotaciones Gallegas S.L. (EXGA) presentou alegacións ao expediente aberto por Augas de Galicia, o pasado 15 de decembro, por "verteduras non autorizadas de augas residuais" ao río Brandelos, afluente do río Ulla.

Augas de Galicia abre un novo expediente sancionador á mina de Touro
Augas de Galicia abre un novo expediente sancionador á mina de Touro | Fonte: Aldea Viva.

As empresas que realizan a súa actividade nos terreos da antiga mina de Touro din que "en ningún caso existe esa balsa industrial e moito menos verteduras de augas residuais", malia o expediente aberto, as análises realizadas e as probas visuais.

Nun comunicado, o Centro de Valoración Ambiental Touro-O Pino (Vatop) di que "o episodio ao que se refire o expediente ocorreu tras un período de intensas precipitacións que provocou unha saída puntual de augas pluviais, do mesmo xeito que ocorreu en moitos outros puntos de Galicia nesas datas".

Vatop explicou que "non se trata dunha balsa mineira ou industrial, senón dun depósito natural, escavado sobre o propio terreo, que recolle unicamente augas pluviais e en ningún caso procedentes de actividade industrial".

Ademais, apuntou que "os resultados das mostras acreditan que as augas que saen dese depósito natural presentan valores dentro dos límites legais e que non existe afección aos ríos da contorna".

Tamén sinalou que, a pesar de que o axente que tomou mostras "puxo de manifesto que a turbidez da auga se observaba tanto antes como despois da súa incorporación ao depósito de Bama", "só se tomaron mostras do punto de vertedura, pero non augas arriba, polo que non se pode atribuír ás empresas que realizan a súa actividade na antiga mina de Touro".

Neste sentido, subliñou que "a propia análise acredita que esa turbidez non puido ser causada por unha vertedura de EXGA, xa que o parámetro 'sólidos en suspensión' arroxa uns valores moi reducidos". Engade que "os resultados das mostras realizadas días despois acreditan que as correntes de auga ás que se refire o expediente xa teñen certos parámetros alterados antes da súa chegada ao depósito de Bama".

Así pois, Vatop afirmou que non se trata dunha "vertedura de augas residuais nin de calquera outra substancia contaminante", senón "unha saída puntual e transitoria de augas naturais acumuladas nun depósito natural escavado sobre o propio terreo".

A compañía asegurou que "os resultados acreditan que esa saída de augas non é susceptible de producir unha alteración da calidade das augas da contorna" e engadiu que "na zona da Curta de Bama, EXGA non desenvolve ningunha actividade nin mineira nin industrial, polo que non se xeran augas residuais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta