Polémica en Portugal tras a oferta lanzada pola Xunta para captar médicos

O colectivo médico destaca que asociacións galegas avisan que contratos de traballo de 61.500 euros anuais implican facer moitas substitucións e ter horarios ampliados.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 12/03/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A recente oferta de traballo da Xunta para atraer a médicos de familia e pediatras de Portugal coa promesa dun salario anual de 61.500 euros brutos, como mínimo está causando polémica no país veciño. Desde o propio Goberno luso a colectivos médicos poñen en evidencia as condicións laborais prometidas.

De feito, os primeiros avisos chegan directamente desde Galicia. Médicos galegos alertan que o que se ofrece en Portugal foi rexeitado “amplamente” polo colectivo médico galego que se atopa enfrontado coa Xunta. Así, nos medios portugueses falan xa, abertamente, de “precarización” dos profesionais que decidan ir a Galicia e lembran que hai un gran problema social, político e profesional a conta da sanidade pública con folgas e “dimisións en bloque”.  

Tras analizar a oferta da Xunta, o colectivo Precarias pola Aténcion Primaria alertou nun comunicado que o prometido salario de 61.500 euros anuais ficará entre 40 e 45 mil euros sen garantías claras do lugar ou das condicións do traballo. O obxectivo é asegurar “substitucións en varios centros de saúde dun distrito para posibilitar a cobertura inmediata das necesidades, sendo na práctica unha acumulación de substitucións de curta duración”, denuncia.

Por iso, advirte aos colegas portugueses da “fraude” das ofertas porque poden acumular unha xornada laboral de 48 horas semanais e de 190 horas mensuais, un total semestral de 1140 horas. “Isto pode implicar meses de 200 ou 250 horas”, sinala.

De feito, algúns médicos portugueses teñen dúbidas tras a polémica xerada. “Se esta oferta é certa, haberá colegas que queiran marchar para Galicia”, apunta en declaracións ao xornal Público Rui Nogueira, presidente da Asociación Portuguesa de Medicina Xeral e Familiar, que teme que este anuncio poida funcionar coma “unha arma de efecto arrastre”, á semellanza do que aconteceu hai algúns anos, coa chegada de “médicos cubanos e colombianos para Portugal”.

Neste sentido, a Asociación de Médicos Interinos de Galicia alertou da situación e fala, directamente de oferta “enganosa” e “no límite do dumping”. O propio xornal portugués Público pediulle á Consellería de Sanidade da Xunta da Galicia que esclareza a oferta pero “ non respondeu a pesar das varias tentativas efectuadas nese sentido”.

Personal sanitario
Personal sanitario | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

SALARIOS

Curiosamente, esta polémica sobre as condicións e os salarios dos médicos galegos chega cando son dos que menos cobran da UE. De feito, o Ministerio da Saúde de Portugal mesmo tivo que lembrarlle aos seus facultativos que en países coma Irlanda o soldo e as condicións eran mellores que as ofertadas por Galicia.

Así o constatan os datos da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), segundo os cales un médico especialista cobra en España unha media de 67.210 euros anuais, menos da metade que un holandés, cuxo salario alcanza os 155.428 euros anuais

Un facultativo especialista en Alemaña cobra unha media de 135.600, máis do dobre que un español.  En Francia, un especialista cobra 14.159 euros máis que un español, até un total de 81.369 euros. Tamén superan a España países como Irlanda, con 165.822 euros anuais e Italia, con 71.715. Países  Baixos sitúase como o país da OCDE onde mellor se paga a estes profesionais sanitarios.

Un médico. FLICKR - Archivo
Un médico. FLICKR - Archivo

Entre os membros europeos da OCDE, os médicos especialistas españois só superan en termos salariais a Estonia, Grecia, Hungría, Polonia, Portugal, Eslovaquia e Eslovenia. A OCDE tamén apunta que os salarios dos médicos xeneralistas non recuperou en España o nivel salarial de 2011.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta