A Asesoría Xurídica da Xunta avala esixir que os nenos estean vacinados para acceder a unha escola infantil pública

Con todo, a medida podería ser recorrida ante tribunais ordinarios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2019 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

A Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia avala que o cumprimento do calendario de vacinación oficial sexa un requisito para poder inscribir a un neno nunha escola infantil da rede pública Galiña Azul.

Así o indica a Xunta a través dun comunicado en relación á decisión da Consellería de Política Social de estudar a implantación desta condición no acceso ás prazas públicas para nenos de cero a tres anos.

No informe da Asesoría Xurídica recálcase que neste asunto é "prioritaria a protección da saúde dos menores", algo que recoñece o artigo 43 da Constitución española, e considera que "non se conculca de ningún modo a liberdade ideolóxica, relixiosa ou de culto das familias". Así, avala a esixencia da vacinación para acceder a unha praza baseándose en sentenzas dos Tribunais Superiores de Xustiza de Cataluña e A Rioxa, entre outras. Ademais, pon de manifesto que as comunidades autónomas de Estremadura e Castela e León xa requiren o calendario de vacinación para formalizar a matrícula.

A nivel internacional, engade, o informe xurídico cita exemplos como Francia e Italia, que introduciron esta obriga ao longo dos últimos anos, mentres que en Países Baixos está a estudarse.

Do mesmo xeito, o informe recolle a "postura favorable" dos profesionais sanitarios, a través da Comisión Central de Deontoloxía da Organización Médica Colexial e da Rede Galega de Investigación Pediátrica.

O obxectivo da medida, apunta a Xunta, é "avanzar na concienciación dos pais sobre a necesidade de inmunizar aos seus fillos ante posibles contagios, "velando polo ben común dos menores".

Vacinando a un neno
Vacinando a un neno | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta